Xinzo de Limia

Xinzo verá reforzada a seguridade no Entroido cun dispositivo de emerxencias con videovixilancia que se instalará no centro da vila

reunión
reunión

O Entroido de Xinzo de Limia segue a demostrar o seu poder de convocatoria, aínda que sexa en plena pandemia, e o Concello segue a insistir na necesidade de extremar as precaucións. Con todo, e aínda que se está a desenvolver con normalidade e sen tanta afluencia como en pasadas edicións, agárdase que a próxima fin de semana sexan moitos os visitantes que se dean cita na vila para celebrar que os festexos volven a parecerse aos de anos atrás.

Para que ningún incidente empane este Entroido no que o pobo recuperou a ilusión, extremaranse todas as medidas de seguridade. Con este obxectivo, o venres pola tarde celebrouse na Casa Consistorial unha reunión para coordinar o dispositivo do Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias. Como sucedeu na última edición do Entroido, instalarase no cruce da N-525 coa rúa Curros Enríquez, fronte á praza Maior.

Ademais da alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, na reunión estivo presente o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez; o edil de Tráfico e Seguridade, Ramón Gómez, e os responsables de Protección Civil, Bombeiros, Policía Local, Garda Civil e Axega.

Tal e como se explicou no encontro, a previsión é que a Axencia Galega de Emerxencias instale o dispositivo na tarde do sábado 26. Para velar pola seguridade da cidadanía, manterase a videovixilancia nunha noite na que se agarda a maior afluencia de visitantes de todo o Entroido. Tamén cómpre destacar que estará operativo un posto médico de auxilios, así como efectivos de Cruz Vermella e do CIM para dar resposta coordinada ante calquera incidente coa maior celeridade.

A alcaldesa, Elvira Lama, anima aos veciños e visitantes a participar no Entroido con responsabilidade e, preferiblemente, durante as horas do día: ”Dende O Concello, conxuntamente coa Comisión, recomendamos que o Entroido madrugue, que se saia á rúa pola mañá, para aproveitar dende as primeiras horas e ata a noitiña. Isto é o desexable”.