Xinzo de Limia

A xornada “Invisibilizadas para a medicina” reunirá en Xinzo a expertas que debaterán sobre a discriminación da muller como obxecto da ciencia

presentación
presentación

A discriminación das mulleres como obxecto da ciencia é unha realidade que se debaterá na xornada “Invisibilizadas para a medicina”, organizada polo Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo en colaboración co Concello de Xinzo de Limia e a Escola Rural de Saúde da Limia. O programa, que se desenvolverá o 23 de setembro no Auditorio Municpal Ángel Cocho, foi presentado esta mañá pola alcaldesa, Elvira Lama, e a coordinadora da asociación limiá, Lola Rico.

Tal e como se especifica na programación, a inauguración está prevista para as 16.00 horas, para dar paso a un faladoiro que presentará e moderará María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia. Baixo os títulos Essure, unha historia de violencia obstétrica; A asbestose: estudo do amianto con perspectiva de xénero e Fibromialxia: dor invisible e xénero, unha mala combinación, ofreceranse diferentes charlas da man das expertas María Sabela Landín, presidenta da Asociación de Afectadas de Essure en Galicia; Sara González, gañadora do II Premio Valedora do Pobo para TFG con perspectiva de xénero e Rosa Cerqueiro, voceira do Movemento Galego de Saúde Mental.

O segundo faladoiro, que se prevé para as 18.00 horas, será moderado por María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, e contará coas charlas do maxistrado Fernando Lousada, baixo o título As mulleres invisibles e a intervención de Lola Rico, coordinadora da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia, que compartirá historias de vida de mulleres da Limia co título A experiencia de coidar-nos.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, destacou a importancia da xornada e engadiu: “Como representantes públicas debemos por en tela de xuízo estas realidades e acelerar os cambios que sexan precisos tanto na investigación como na comprensión das pacientes para o coñecemento dos seus corpos e das patoloxías que lle son propias”.

Pola súa banda, Lola Rico, coordinadora de Escola Rural de Saúde da Limia, afirmou que a xornada será “un gran paso para avanzar na igualdade” e para romper con estereotipos.