Xinzo de Limia

Reunión dos responsábeis da concellería de deportes cos pais dos integrantes da escola deportiva de fútbol

Acordaron facer tres equipos de benxamín

O  Concelleiro de Deportes Rafa Penabad, acompañado por técnicos de deportes da súa concellería, así como adestradores dos equipos de fútbol base, reuníronse no salón de plenos do Concello coa maioría dos pais e nais dos rapaces que este ano queren formar parte da E.D. de fútbol.

Explicación tema económico

O primeiro dos temas a tratar foi a explicación de a onde ían os cartos das cotas que os proxenitores teñen que abonar, que este ano serán de 150 €, para os empadroados en Xinzo e 180, para os de outros concellos.  O gasto en roupa será de 80 €, tendo un desconto dun 20% para irmáns.

Pasouse logo a explicar o tema dos traslados en autobús que continuará como en anos anteriores e despois déronlle unha explicación dos custes por neno e  equipo, habendo un desfase  de 50€ de partida, que será abonado pola Concellería, ademais dos traslados, como quedou xa aclarado.

NORMAS; PROTOCOLO SANITARIO E QUEIXAS E RECLAMACIÓNS

IMG_20190912_210120

Os seguintes temas a tratar foron o da confección de normas do club, tanto para deportistas, pais e adestradores, o protocolo de actuación sanitaria, cando se produce unha lesión e o proceder no caso de que os pais/nais queiran facer unha reclamación, tendo que facela en primeiro lugar aos adestradores, despois aos técnicos de deportes e por último ao propio Concelleiro.

EQUIPOS DE BENXAMÍNS

Un dos temas máis controvertidos da reunión foi a decisión a tomar en canto a cantos equipos de benxamín se facían, posto que o número de rapaces é de 46. A decisión, despois de varias intervencións dos proxenitores foi a de facer 3 equipos A; B; C onde no primeiro estarán os xogadores de segundo ano e nos outros dous  os pertencentes a primeiro ano cos dous equipos compensados, participando na segunda división.

A filosofía mantida polos responsábeis técnicos e a de que todos os rapaces xoguen antepoñendo a participación a competición, aínda que esta teña que existir loxicamente.

O Concelleiro ao remate da reunión fixo referencia que esta é a primeira vez que se ten en conta aos pais e nais para confeccionar, tanto as normas que rexerán todo o ano, como a formación dos equipos.