Xinzo de Limia

PRESENTACION DO CARTAZ E AVANCE DO PROGRAMA DO ENTROIDO 2020

O desfile de Entroido será o domingo de piñata

Un entorno singular, seguro e libre de violencias machistas-Elvira Lama
photo5834694934425350853
Presentación Entroido 2020

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, deu a coñecer todas as novidades que se van por en marcha dende o concello, e en colaboración coa comisón organizadora, para o Entroido 2020, que comeza o próximo 1 de febreiro, co sábado de petardazo.

Quixo facer mención, ademais, ao recoñecemento acadado por esta celebración como festa de “interese turístico internacional”. Falou tamén da grande implicación por parte do equipo de goberno, o concello de cultura e demais concellerías  por facer deste entroido “un entorno singular, seguro e libre das violencias machistas” como principal intención dos responsables da organización.

Dende o goberno estase elaborando un plan de autoprotección de cara a que sexa unha festa o máis segura posible posto que, en palabras da alcaldesa, “debemos velar para que exista unha certa orde, para continuar facendo un dos mellores entroidos da península”.

O concelleiro de cultura amosou o cartel co que se fará promoción desta festividade, novidoso con Cartel entroido 2020respecto ao tradicional, da deseñadora Iria Prol. Suárez fixo público ademais o orzamento manexado, que ronda os 150.000 euros, e fixo un chamamento á participación dos comercios locais para poder  “sufragar unha festa que inflúe positivamente na economía do pobo”.

En canto as novidades, o desfile terá lugar na mañá do domingo de piñata, debido ao éxito do ano anterior. Recoñeceuse tamén a recuperación de grandes tradicións e momentos e fíxose mención dos grupos e charangas máis destacables. No aspecto infantil, por outra banda, contratarase unha empresa que realizará concursos e demais entretemento destinado aos máis pequenos, a maiores do xa coñecido desfile dos colexios tanto de Xinzo como arredores.

Durante todos os días de Entroido, cabe destacar que non haberá practicamente nin unha hora sen música. “Dende as 12 da mañá ata ben entrada a madrugada desfrutaremos de grupos tradicionais, charangas, orquestas e demais”, asegurou o máximo responsable da organización. Ademais, como gran novidade, intentarase preparar o primeiro baile “de mascaritas” da vila dende hai corenta anos.

Na rolda de preguntas final, asegurouse que repartiríanse 4.000 euros en premios, tal e como era costume e en canto ao tema limpeza, a alcaldesa recoñeceu que o tema aínda estaba “enriba da mesa”. Asegurou Lama tamén que se solicitaría o reforzo duns camións que fagan a limpeza con mangueiras a presión.

“O noso entroido é especial porque todos o que queren participar, repiten”, foron as palabras da alcaldesa na súa intervención final, quen animou a todos os veciños a formar parte dunha costume tan bonita do pobo de Xinzo de Limia.

Adianto do programa

Intervención de Iván Prado

Iván Prado presentou a programación de actividades do Entroido, da que destacou algunhas partes máis diferenciadoras. En palabras do portavoz da organización, “o máis destacable será o cambio do desfile ao domingo de piñata”, por motivo do éxito acadado o ano anterior. Ademais, participarán no entretemento destes días de festa, 14 charangas de casa, como Achicoria, así como charangas de todo o país. No aspecto tradicional, Prado fixo mención ao éxito conseguido na recuperación de grandes tradicións e momentos que “funcionan practicamente de forma perfecta”.

Seguindo coa programación, destacou tres grupos de gran sona a nivel galego da música tradicional folclórica: Xosé Lois Romero e Aliboria, Baiuca,  e Pepe Vaamonde Grupo. Xunto a estes concertos, terase en conta tamén aos grupos locais como Lirolaio, Os Ghalos d’Antioquía e moitos máis, así como outros da provincia como Rebulir ou Candaira.

Con respecto ao aspecto infantil, destaca o desfile dos colexios de Xinzo e arredores, no que participarán arredor de 1.000 nenos, xunto as charangas Manía, Nova e Achicoria. A maiores, participarán tamén na animación para os máis pequenos Ocioavia e Divercóxegas, con actividades como concursos, desfiles, agasallos e demais.

BANDAS E ORQUESTRAS

DSC_0363Resaltou ademais Iván Prado a participación da Agrupación musical da Limia, tanto o domingo pola mañá como pola tarde no seu concerto da Praza Maior. Haberá tamén tres orquestras: Gran Parada, Marbella e Nebraska, que tocarán arredor das 19:00h. A música protagonizará gran parte do entroido, posto que, tal e como afirmou Prado “non haberá practicamente unha hora sen música, dende as 12 da mañá ata ben entrada a madrugada desfrutaremos de grupos tradicionais, charangas, orquestras e demais”

Finalmente, rematou a súa intervención informando que dende a organización tratarase de preparar para o domingo de Oleiro, xunto a Pepe Vaamonde Grupo, o primeiro baile de “mascaritas” da vila de Xinzo dende hai corenta anos, na Praza Maior.