Xinzo de Limia

Hoxe presentouse o primeiro Plan de Autoprotección para o Entroido 2020

Unha “festa segura, na que todos os participantes saiban que están no lugar con todos os medios humanos e materiais que sexa posible”, segundo as palabras da alcaldesa.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, comezou a súa intervención agradecendo aos alí presentes, así como aos acompañantes da súa mesa: o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez; o Xefe Tenente da Garda Civil, Luís Casas; o Cabo da Policía Local, Simplicio; e o Presidente da Comisión do Entroido, Iván Prado.

A tema fundamental da roda de prensa foi o paso máis alá levado a cabo polo Concello da implantación do primeiro Plan de Autoprotección do Entroido 2020 de Xinzo de Limia. Esta celebración que convive no tempo co ciclo máis longo de Entroido intentará facer unha “festa segura, na que todos os participantes saiban que están no lugar con todos os medios humanos e materiais que sexa posible”, segundo as palabras da alcaldesa.

O ciclo de Entroido comeza o sábado 1 co petardazo ás 12 da noite na praza de Carlos Casares e continúa o día 2 co domingo de fareleiro, o sábado 8 co domingo de oleiro, o 9 co corredoiro, o sábado día 15 e o domingo de corredoiro o 16 e conta cos propios días de Entroido o venres 21, o sábado 22, domingo 23 e luns e martes 24 e 25. Ademais, a celebración contará con dous días máis: o mércores de cinza o 26 e o domingo de piñata, que este ano adopta un carácter especial ao contar co desfile, convertendo o día nun dos centrais.


Elvira Lama detallou tamén que as bases do desfile de piñata xa estaban subidas na páxina do Concello, así como a futura subida do propio Plan de Autoprotección e o programa da festa cos horarios de saída e actuación das charangas, grupos e demais. Así mesmo, presentou ademais as novidades do plan, como un posto de mando avanzado o sábado de entroido con medios técnicos, cámaras de vixía e corpos destacados. Finalmente, agradeceu o “o esforzo económico e de xente implicada, así como de horas de traballo”, que considera ben empregado en “aras da seguridade, para que todos aqueles que participan queiran volver ano tras ano”.

Posteriormente, o Concelleiro de Cultura fixo un fincapé no esforzo que supón o Plan para a situación do Concello, aínda que remarcou tamén o bo emprego deste, posto que é unha “inversión na mellora das condicións de seguridade”. Falou tamén Ramón Rodríguez do “complicado de redactar e implementar” do plan e asegurou que “os riscos están avaliados e para os máis importantes hai medidas previstas” como un camión para vixía a noite do sábado, cortes de tráfico e demais.

Rodríguez declarou que o plan “é un documento que non está pechado e se irá enriquecendo coa experiencia que vaimos tendo de aplicación”. Finalmente, agradeceu todo o esforzo que hai detrás deste plan a todos os implicados e rematou a súa intervención coa petición aos veciños e visitantes de Xinzo a máxima colaboración e a desculpa polos incidentes que poden provocar estas medidas, aínda que tratarán de “minimizalas” todo o posible.