Xinzo de Limia

Un bando advirte da ilegalidade das reunións de persoas non conviventes para celebrar o Entroido

Elvira Lama pide a colaboración cidadán para denuncialas e avisa aos propietarios que aluguen locais de que tamén serán sancionados.

 

BANDO SOBRE NON CONVIVINTES Asinado
BANDO SOBRE NON CONVIVINTES Asinado

“Todas e todos votamos de menos o Entroido, pero a situación sanitaria non permite reunións de non conviventes en ningún tipo de espazo”. A afirmación é da alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e figura nun Bando que firmou esta mesma mañá para advertir a toda a poboación de que no actual contexto está prohibido desprazarse a Xinzo dende calquera concello da provincia ou da comarca e as reunións de non conviventes, tantos en espazos de uso público como de uso privado.

Así pois, a alcaldesa solicita a través deste Bando a colaboración de toda a veciñanza para o cumprimento das medidas vixentes, pedíndolle expresamente que poña en coñecemento das autoridades competentes as posibles infraccións que se puideran cometer ou das sospeitas de reunións ilegais entre non conviventes.

A advertencia de sancións en caso de incumprimento esténdese tamén aos propietarios dos locais nos que se celebren estas reunións ilegais, podendo chegar ata os 60.000 euros no caso das infraccións graves e incluso aos 600.000 euros en caso de infraccións moi graves.

“Con moito esforzo, levamos uns días reducindo o número de casos activos, así que non nos podemos permitir o luxo de inverter esta tendencia de baixada nin queremos pagar o prezo, en vidas e saúde, dun reponte”, sentencia Lama Fernández.

En paralelo a este Bando, o goberno local manterá a intensidade dos controis, tanto da Policía Local como da Garda Civil, para evitar tanto a mobilidade como as reunións.