Xinzo de Limia

O Concello construirá o primeiro aparcadoiro público e gratuíto da vila a só 200 metros da Praza Maior

Ofrecerá 99 prazas de estacionamento que permitirán empezar a acometer unha reordenación do tráfico e o rescate de espazos públicos para uso peonil. A obra xa foi adxudicada hoxe e estará rematada nun mes, despois dunha intensa negociación da alcaldesa cos donos dos solares para a cesión 6 anos.

 

WhatsApp Image 2020-09-29 at 14.19.41
Rafa Penabad, Ramón Gómez e Elvira Lama, nos solares que serán reconvertidos en aparcadoiro.

99 prazas de estacionamento gratuíto no mesmo centro da vila, fronte á praza Carlos Casares, con entrada e saída desde a rúa Curros Enríquez e acceso tamén por Vicente Risco. Aquí estará emprazado e así será o primeiro aparcadoiro público gratuíto que construirá o Concello de Xinzo durante o que resta de mandato, co gallo de reordenar o tráfico rodado e peonil, liberando espazo público para os peóns, reducindo o impacto negativo sobre o Camiño de Santiago (vehículos estacionados en rúas que forman parte del) e ofrecendo alternativas gratuítas aos condutores.  

Despois de meses de negociacións, o Concello de Xinzo acadou un acordo cos 6 propietarios dun grupo de solares situados entre as dúas rúas, de tal xeito que se formalizou unha cesión do seu uso por espazo de 6 anos a cambio da exención do IBI durante o mesmo tempo. Esta negociación foi levada persoalmente pola alcaldesa, Elvira Lama, que mantivo reunións con todos os propietarios.

A partir de aí, o Goberno local empezou a buscar o financiamento necesario para converter estes solares, cunha superficie de 2.748 metros cadrados e que hoxe conforman un espazo degradado no centro da vila, nun estacionamento con capacidade para preto dun centenar de vehículos e que será de uso gratuíto.

Todo o traballo previo culminou hoxe coa adxudicación de construción do aparcadoiro en superficie, que estará situado a apenas 200 metros da Praza Maior e a menos de 50 da Casa do Concello.

A inversión será de preto de 34.726 euros, dos que o Concello aportará un 35% (12.150 euros), mentres que o resto correrá por conta da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, precisamente para reducir o impacto negativo provocado polo estacionamento de vehículos en rúas da vila que forman parte do Camiño de Santiago, concretamente da Vía da Prata. 

O prazo de execución será dun mes, polo que o Goberno local estima que estará finalizado e poderá entrar en funcionamento en novembro.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e os concelleiros Ramón Gómez e Rafa Penabad visitaron hoxe os solares sobre os que se construirá o aparcadoiro.