Xinzo de Limia

Todos os partidos unen os seus votos para pedir máis mestres e menos alumnos por aula ao novo conselleiro

Súmanse ás demandas do CEIP Rosalía de Castro, no que a supresión dun profesor converteu tres aulas que tiñan 16 e 17 rapaces en dúas de 24 e 25.

 

WhatsApp Image 2020-09-04 at 13.59.28
Os profesores e a ANPA seguirán concentrándose cada día ás 12 do mediodía. Na imaxe, a concentración do venres pasado.

A Xunta de portavoces do Concello de Xinzo aprobou hoxe por unanimidade pedirlle ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, garantías para un inicio de curso seguro nos colexios da vila. En concreto, que atenda as demandas do CEIP Rosalía de Castro, cuxo profesorado e máis a ANPA levan días concentrándose fronte ao colexio para reclamar máis profesores e menos cociente de alumnos por aula.

Estas son as peticións acordadas por todos os grupos da Corporación municipal, convocados a unha Xunta extraordinaria de portavoces por parte da alcaldesa.

1.         Dotación, cando menos, do mesmo número de mestres que o curso pasado. 

2.         Desdobre de aqueles cursos nos que sexa necesario por mor das dimensións das aulas, para manter as distancias.

3.         Dotación económica necesaria e suficiente para financiar os custes derivados da obriga de garantir a limpeza e desinfección extraordinaria que debe facer o Concello en horario lectivo nos centros educativos, tal como recolle o Protocolo da Consellería de Educación.

No mesmo texto, proposto á Xunta de Portavoces por Elvira Lama e asumido por todos os grupos, recálcase que “a seguridade e maila saúde dos alumnos e alumnas está por enriba de todo, e na volta ás aulas para o inicio do curso escolar debe primar a seguridade, a prudencia e a coherencia para que non teñamos que lamentar a propagación do virus, entre a comunidade escolar”.

Así pois, todos os grupos acordaron sumarse “á reivindicación da comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro”, amosando a súa “máis profunda preocupación e rexeitamento pola decisión tomada por parte da Xefatura Territorial de non habilitar unha praza de Educación Primaria, como se viña facendo nos cursos anteriores, para poder desdobrar aqueles niveis máis numerosos e así poder traballar cun cociente que garanta unha educación de calidade”.

No caso concreto do Rosalía de Castro, tres aulas que o ano pasado (en terceiro de primaria) tiñan 16 e 17 alumnos, foron agrupados este ano en dúas, xuntando aos rapaces (agora de 4º de primaria) en dúas únicas clases de 24 e 25 alumnos ao non ter habilitado unha praza de docente coa que si contaban o curso pasado.

“A decisión administrativa é aínda máis discutible -explica o texto acordado polos grupos- dado o actual estado de alarma sanitaria, que prevé as mínimas concentracións posibles. Sen ir máis lonxe -engade-, na capital de Ourense non se poden facer xuntanzas de máis de dez persoas e, curiosamente, dende a Xunta concentran a máis alumnos nas aulas”.

A Corporación en pleno súmase polo tanto á crenza de toda a comunidade educativa do CEIP de que “faise máis necesario que nunca non ter grupos numerosos para poder contar coas debidas condicións de seguridade e respectar as distancias obrigadas polo Protocolo establecido pola Consellería de Educación”. A propia alcaldesa, acompañada por concelleiros tanto do goberno como da oposición, comprobou “in situ” que en algunhas aulas resulta “manifestamente imposible o distanciamento de metro e medio que recolle o citado protocolo”, o que leva ao Concello de Xinzo á conclusión de que “de pouco van servir os protocolos de limpeza e desinfección se amoreamos aos alumnos e alumnas en aulas onde é materialmente imposible gardar as distancias”.

Con todo, goberno e oposición de Xinzo esperan que o novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, “sexa sensible e recolla as inquedanzas da comunidade educativa do CEIP Rosalía de Castro e da Corporación municipal deste Concello”.