Imprimir

Xinzo adianta o peche das piscinas debido aos danos ocasionados polos actos vandálicos da fin de semana

Xinzo de Limia | 01 de setembro de 2020

Cadeiras e mesas na piscina.
Cadeiras e mesas na piscina.

Os vándalos arroxaron cadeiras, mesas e outro mobiliario e obxectos ao interior do vaso, ademáis de provocar outro tipo de danos. O concelleiro de Deportes acordou pechar 15 días antes para facilitar os traballo de reparación, que obrigarán a baleiralo. Considera “absolutamente lamentable” este tipo de comportamento e reclama unha sanción social para os autores.

 

A piscina municipal de Xinzo de Limia pechará 15 días antes do previsto debido aos actos vandálicos que se volveron a repetir esta fin de semana e que ocasionaron danos de diversa consideración.

Unha vez máis, tanto o sábado como o domingo pola mañá os empregados da instalación atoparon mesas, cadeiras e outro mobiliario e obxectos no vaso da piscina, resultado de sendas noites de vandalismo.

Aínda que ambos días procederon á retirada de todo arroxado á piscina e repararon os danos máis visibles para que poder abrila tanto o sábado como o domingo e incluso onte e hoxe, finalmente o concelleiro de Deportes, Rafa Penabad, tomou a decisión de pechala definitivamente.

A única razón de tal decisión está nos actos vandálicos, que ocasionaron algúns danos máis dos inicialmente detectados e que fan preciso o baleirado do vaso. 

“É absolutamente lamentable a falta de respecto ao público por parte das persoas que fixeron isto e que incluso o repetiron. Non descartamos, porque a Policía Local traballo en elo, identificalas para que se responsabilicen de todos os danos causados”, explica Penabad, que agarda polo menos a sanción social para os autores das desfeitas: “o resto da veciñanza de Xinzo, especialmente os usuarios da piscina, teñen que saber que é responsabilidade exclusiva destes irresponsables que tomemos a decisión de pechar a piscina 15 días antes do previsto”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/concello/xinzo-adianta-peche-das-piscinas-debido-aos-danos-ocasionados-polos-actos-vandalicos-da-fin-semana/20200901112837005159.html


© 2020 Xinzo de Limia

Concello de Xinzo de Limia

Rúa Curros Enríquez, 15

32630 Xinzo de Limia, Ourense