Xinzo de Limia

Xinzo crea unha comisión de coordinación para gañar axilidade, eficacia e impulsar a saída da crise

WhatsApp Image 2020-12-29 at 19.24.11
Momento no que o PP abandona o salón de plenos.

Máis dun ano e medio despois da súa toma de posesión, o pleno do Concello de Xinzo aprobou hoxe, co voto en contra do PP, unha adicación parcial para a alcaldesa, Elvira Lama, que viña desempeñando as súas funcións como rexedora sen retribución algunha debido a mala situación económica na que se atopaba a entidade local.  “Hai ano e medio, este Concello non estaba para soldos”, explicou Lama Fernández, “e este goberno, que traballou arreo desde o primeiro minuto, acordou entón por responsabilidade non aprobar ningunha adicación”. 

Agora, despois de “ano e medio de boa xestión que ten mellorado a situación económica municipal”, o goberno local acordou normalizar a situación aprobando unha adicación parcial de 33.250 euros brutos ao ano, que estará por debaixo, segundo explicou,  da que perciben os alcaldes ou alcaldesas de todas as vilas da provincia, pero tamén de pobos de menor entidade como A Gudiña, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Cualedro, A Bola, Rios ou Paderne de Allariz.

A proposta saíu adiante co voto en contra do PP, que dixo estar de acordo con que Elvira Lama perciba unha adicación, pero pediu que esperara un pouco máis pola actual situación.

O pleno tamén aprobou unha adicación parcial de 22.500 euros ao ano para o concelleiro de Facenda, Manuel Pérez Campos, unha vez que o Concello decidiu rescatar o servizo de nóminas, externalizado polo anterior goberno e que a partir de agora será asumido pola Concellería de Facenda, que el mesmo dirixe.

O pleno tamén aprobou dotarse no novas ferramentas para gañar en axilidade, eficacia e eficiencia, reducindo os tempos de tramitación dos proxectos de interese para o concello como vía para impulsar a recuperación e a saída da crise derivada da Covid-19. Esta ferramenta será unha comisión de coordinación  da que formarán parte a alcaldesa, Elvira Lama, e os concelleiros de Servizos Sociais, Alberto Martínez, e o de Urbanismo, Ramón Gómez.

A creación desta comisión aprobouse sen votos en contra, unha vez que os concelleiros e concelleiras do PP decidiron abandonar o pleno por entender, segundo denunciaron, que era unha forma de remunerar aos concelleiros que formarán parte dela.

Previamente, e por unanimidade, aprobouse a adhesión a un convenio entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Fegamp para a tramitación dos procedementos sancionadores en relación co incumprimento das medidas de prevención aprobadas para a loita contra o Covid-19. En Xinzo, estamos a falar, ata a data de hoxe, de unhas 500 sancións, impostas tanto pola Policía Local como pola Garda Civil.

Tamén por unanimidade quedou aprobada a moción conxunta de todos os partidos para incluír á comarca da Limia no proxecto de modernización dos regadíos, dentro do plan de transformación ambiental e dixital para o sector agrario.