Xinzo de Limia

electricidade
Concello
pleno

O Concello aforrou máis de 14.000 euros ao mes no 2021 coa compra de electricidade a través da Central de Contratación da FEMP

Unanimidade foi un dos termos máis repetidos no pleno ordinario celebrado esta mañá en Xinzo de Limia. Todos os puntos saíron adiante co voto favorable dos grupos de Corporación nunha sesión na que ademais estivo moi presente a loita social pola igualdade no Mes da Muller e o apoio ao pobo ucraíno. Nos últimos días a alcaldesa, Elvira Lama, púxose en contacto coa Subdelegación de Goberno para crear unha rede de familias de acollida e poñer ao seu dispor espazos públicos que poidan servir de utilizade. Tamén se están a recibir numerosas doazóns de roupa, alimentos e medicamentos.

A rexedora anunciou na sesión plenaria que xa hai familias interesadas en acoller refuxiados e que se seguirán todos os trámites oficiais para facelo posible. Tamén destacou a colaboración dos cidadáns: “Agradecemos a súa solidariedade e entrega co pobo ucraíno. Faremos todas as achegas seguindo os condutos oficiais. Hai xa familias dispostas a ceder espazos e acoller refuxiados pero temos que seguir os trámites burocráticos para non poñer en risco ás persoas refuxiadas e aos menores”.

A guerra de Ucraína terá serias repercusións económicas e o prezo da enerxía comeza a dispararse. Neste senso cobra especial importancia a ratificación da prórroga de contrato baseado no acordo marco para a contratación do subministro de electricidade, en alta e baixa tensión, a través da Central de Contratación da FEMP. Este punto tamén foi aprobado na sesión plenaria. No 2021 o Concello de Xinzo de Limia aforrou máis de 14.000 euros ao mes coa compra de electricidade a través desta vía e prevese que que no 2022 o aforro sexa de entre 6.000 e 7.000 euros mensuais polo encarecemento da enerxía.

Outro dos puntos salientables foi a ratificación do convenio de colaboración entre os Concellos de Sandiás y Xinzo de Limia para realizar obras de pavimentación no coñecido como Camiño das Aforadas. Trátase dunha vía empraza entre a N-525, no límite do municipio de Xinzo, e a estrada de Celanova. Segundo o edil de Urbanismo, Ramón Gómez, as obras permitirán mellorar o firme, moi deteriorado polo tráfico de vehículos pesados nunha zona na que hai varias empresas agrícolas.

Tamén saíu adiante a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor de terreos de natureza urbana. Tal e como explicou o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez Campos, a anterior normativa de plusvalías foi anulada polo Tribunal Supremo e o Concello debe adaptarse así á nova norma.

No Mes da Muller, tamén todos os grupos da Corporación manifestáronse en sesión plenaria a favor da igualdade. O Concello prolongará os actos ata finais de marzo para dar visibilidade a esta loita.