Xinzo de Limia

A alcaldesa convoca a xunta de portavoces para esixirlle á Xunta un inicio de curso seguro nos centros da vila

  • A Consellería de Educación non habilita un profesor de Educación Primaria para o Rosalía de Castro e obriga a que aulas que o ano pasado tiñan 16 e 17 alumnos pasen en plena pandemia a 24 e 25. “É unha irresponsabilidade que atenta contra a saúde pública”, declarou Elvira Lama tras participar na concentración convocada polos profesores. O texto a acordar por todos os grupos políticos da Corporación tamén incluirá as demandas do CEIP Carlos Casares.
Alcaldesa e concelleiros, atendendo aos medios de comunicación.
Alcaldesa e concelleiros, atendendo aos medios de comunicación.

Unha representación da Corporación municipal, encabezada pola alcaldesa, Elvira Lama, e integrada polo tenente alcalde, Amador Díaz, e os concelleiros Ramón Gómez, Rafa Penabad, ambos do grupo de goberno, e Luís Miguel Gil, da oposición, participaron esta mañá na concentración de apoio á dirección e a Anpa do CEIP Rosalía de Castro e contra a decisión da Consellería de Educación de amortizar unha praza de profesor e reducir aulas en algún curso.

A Consellería decidiu non habilitar unha praza de profesor de Educación Primaria como viña facendo nos cursos anteriores,  o que de forma totalmente incoherente se traduce este curso en que alumnos que o ano pasado estaban repartidos en tres aulas de 16, 17 e 17 rapaces, este ano, pese á Covid-19, estarán en tan so dúas aulas con 24 e 25 alumnos cada unha.

Así mesmo, segundo  puideron comprobar onte tanto a alcaldesa como o resto de concelleiros que a acompañaron, en algunhas aulas do centro é materialmente imposible dispoñer dos pupitres necesarios mantendo ao mesmo tempo a distancia de seguridade de metro e medio.

Por todo isto, Elvira Lama, despois de ter falado con todos os grupos do goberno e da oposición, acordou convocou para o próximo luns unha xunta extraordinaria de portavoces para apoiar as demandas da dirección do centro educativo e demandarlle á Consellería de Educación que as atenda. Así mesmo, no texto que se pretende acordar con todos os grupos políticos do Concello, incluiranse tamén as demandas do outro CEIP da vila, o Carlos Casares, na procura de garantir un retorno seguro para todos os escolares de Xinzo.

Lama, en declaracións ás portas do centro despois da concentración, cualificou de irresponsable a decisión da Xunta de Galicia, por canto supón un risco para a saúde de alumnos, profesores e tamén das familias de todos eles.