Xinzo de Limia

O Concello impulsa a Antón Tovar como merecedor das Letras Galegas 2023

Celébranse cen anos do nacemento de Antón Tovar Bobillo e o Concello de Xinzo de Limia cree que este é o momento idóneo para impulsar un merecido recoñecemento ao escritor. O goberno local levará ao próximo pleno unha moción para instar á Real Academia Galea a que lle dedique o Día das Letras Galegas 2023, toda vez que o seu namoramento pola comarca queda explícito na súa obra. Ademais, a intención do executivo é dar traslado desta petición ao resto dos concellos da Limia para que teñan ocasión de mostrar o seu apoio.

Antón Tovar naceu na casa materna de A Pereira (Rairiz de Veiga) o 26 de outubro do 1921. Finou na cidade de Ourense o 16 de xuño do 2004. A súa obra está escrita en lingua galega e castelá. Trátase de oito libros de poesía galega, oito de poesía española, dous de memorias e un de relatos galegos.

A súa paixón pola comarca reflíctese especialmente no traballo “O vento no teu colo”. Quedou sen publicar o Dicionario Ideolóxico Galego no que rexistrou as particulares expresivas da fala, entre elas o limiao. Por todo elo, o executivo local quere instar á Real Academia Galega a que faga do 2023 o ano de Antón Tovar.

Proposta para que Eloy Conde sexa fillo predilecto

Na mesma sesión plenaria, está previsto que o grupo de goberno presente unha moción para iniciar os trámites para nomear fillo predilecto a título póstumo a Eloy Conde Conde. Naceu no ano 1947 na aldea de Damil e finou no 2019 en San Sebastián. Dende moi novo encontrou no fútbol a maior das súas paixóns. Nos anos da súa infancia e adolescencia, os campos do Toural, da Seara e do Pombal, ademais do Seminario de Ourense, foron testemuñas de primeira man do devecer de Eloy Conde polo deporte do balompé.

Cómpre destacar que Conde foi adestrador das categorías inferiores do Antela durante máis de dez anos e a súa labor como dinamizador do deporte limiao naceu antes da Moreira. Mención especial merece o deporte escolar co que xuntaba aos nenos de toda a comarca na capital para levar a cabo as competicións. A súa figura é clave na educación en valores da mocidade. A súa mensaxe pedagóxica transcendeu a cuestión deportiva. Nesta mesma moción, o goberno local solicitará que se cree un torneo anual de fútbol base en memoria de Eloy Conde.