Xinzo de Limia

O Concello investiu máis de 40.000 euros no arranxo do tramo da rúa Galicia que a conecta coa nova Sitibal

rúa Galicia
rúa Galicia

Dotar á rúa Galicia dun novo firme en aglomerado e mellora a súa conexión coa renovada Sitibal. Este foi o obxectivo que levou ao Concello de Xinzo a realizar un investimento de 42.214 euros. Trátase, en concreto, dun tramo de 145 metros de longo que cambiará a imaxe desta rúa no seu tramo final.

As obras consistiron no fresado e posterior colocación dunha base de pedra de 10 centímetros, debidamente compactada. Ademais, estendeuse firme asfáltico dun espesor medio de 8 centímetros. Tamén está previsto corrixir, en altura, as tapas de rexistro en pozos de saneamento e de sumidoiros.

O concelleiro de Obras, Ramón Gómez, destacou que se trata “dunha actuación moi estudada e consensuada polo equipo de goberno, dentro do plan de melloras das vías municipais”.

Na conexión coa rúa Sitibal reside a importancia desta obra. Xunto coa Cepetal, ambas vías locen con 16 metros de ancho, incluídas aceiras e prazas de estacionamento. Xinzo incorpora así unha nova zona de expansión ao seu casco urbano. Cómpre destacar que a apertura da Sitibal ao tráfico fíxose realidade despois de meses de traballos nos que se dotou á pista de servizos básicos de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas, froito dunha intensa negociación do actual goberno local cos máis de 40 titulares afectados. Inicialmente, estaba prevista unicamente a reparación da antiga pista, pero sen dotala de servizos nin ampliar o seu ancho.

A orografía do terreo e a pouca resistencia do firme da rúa Galicia, no corazón da vila, provocou o deterioro das lousas. O Concello de Xinzo proxectou novos traballos de mellora na vía, que están pendentes de concluír e son unha necesidade urxente pola demora da subvención do Plan Hurbe. O proxecto presentado á Xunta de Galicia dentro deste plan pretende a rehumanización do casco histórico, comezando, precisamente, polas rúas principais: Galicia, Lepanto e Constitución. A inversión contemplada é de 350.000 euros, dos que a Administración autonómica aportaría o 70 %.