Xinzo de Limia

O Concello pide ás familias que escriban como viven a corentena para publicar un libro cos relatos

Convoca un concurso, “Contos dende o confinamento”, para deixar testemuña de como a veciñanza se enfrontou á pandemia

Casa Concello Xinzo
Casa Concello Xinzo

Un concurso de relatos ideado para que participen todas as familias e que levará por título “Contos dende o confinamento”. Esta é a última iniciativa posta en marcha polo Concello de Xinzo, concretamente a través da concellerías de Cultura, que dirixe Ramiro Rodríguez, e a de Educación, á fronte da cal está Alberto Martínez.

O obxectivo, ademais de incentivar a actividade literaria entre mozos e mozas, é proporcionar ás familias un soporte para que deixen constancia escrita de como están a vivir esta difícil situación. De feito, os relatos deberán se presentados por unidade familiar, para promover así o traballo en equipo e a creatividade colectiva. Logo formarán parte dunha publicación da que se ocupará o Concello e que quedará para a historia como testemuña do vivido en Xinzo durante estes días no seo de cada fogar.

É por elo que, aínda que e a temática do certame é libre, o xurado valorará a inclusión de aspectos e cuestións relacionadas co confinamento e a corentena derivada da pandemia.

A iniciativa foi acordada pola alcaldesa, Elvira Lama, cos directores dos 4 centros educativos da vila, que se implicarán no certame incentivando a participación dos seus alumnos e as súas familias. Tamén formarán parte do xurado que valorará os traballos.

O fallo producirase, si as circunstancias o permiten, o día 30 de maio e conlevará premios para os tres mellores traballos, que consistirán en lotes de libros, ademais dunha comida nun restaurante de Xinzo (a elixir por sorteo) para a unidade familiar que obteña o primeiro premio e vales de compra no comercio de Xinzo (50 euros para o segundo premio e 30 para o terceiro).

Todos os participantes recibirán un diploma que acredite a súa participación no certame e, ademais, o Concello publicará un libro con todos os relatos.

BASES CONCURSO CONTOS DENDE O CONFINAMENTO