Xinzo de Limia

O Concello pídelle aos clubs deportivos que non se inscriban en competicións para evitar desprazamentos

Suspende así todas as competicións deportivas na vila, así como os desprazamentos, de arredor de 500 rapaces e rapazas. A Concellería de Deportes acordou que as instalacións municipais so podan utilizarse para adestrar, pero nunca para competir, para limitar a mobilidade e polo tando reducir ao máximo o risco de contaxio do Civid-19.

Campo da Moreira, no que tampouco se poderán xogar partidos de competición.
Campo da Moreira, no que tampouco se poderán xogar partidos de competición.

O Concello de Xinzo pídelle a todos os clubs deportivos do municipio que se absteñan de inscribirse en competicións, permitíndolle utilizar as instalacións deportivas municipais para a realización de adestramentos, pero en ningún caso para a participación en competicións.

A decisión, adoitada polo concelleiro de Deportes de Xinzo, Rafa Penabad, e os técnicos deportivos durante unha reunión con directivos e responsables deportivos das distintas especialidades e modalidades, pretende a máxima protección fronte ao Covid-19 limitando ao máximo a mobilidade á que obrigan as competicións, con desprazamentos cada fin de semana.

Nesta mesma reunión, transmitiuse aos responsables dos clubs, que ante a nova onda de contaxios en distintas localidades, os equipos e clubs locais deben absterse de inscribirse nas competicións das diversas modalidades e categorías, si ben poderán facer uso das instalacións deportivas municipais so para adestramentos.

“Debemos poñer as instalacións ao dispor dos clubs, para o exercicio do deporte, ofrecendo ás familias espazos seguros ou saudables e colaborando tamén na conciliación familiar. Pero igualmente debemos pedir tamén ás familias a comprensión necesaria ante a decisión de que os clubs de Xinzo non se inscriban en ningún tipo de competición, para evitar os desprazamentos, tanto de entrada como de saída. Evitar a mobilidade é unha máxima nas recomendacións sanitarias que debemos respectar agora máis que nunca”, sosteñen os técnicos deportivos.

En paralelo, o Concello considera imprescindible “adiantarse aos acontecementos e dispor de todos os protocolos específicos de cada deporte, así como dos protocolos de uso de cada instalación, con delimitacións de aforo e respectando en todo momento as limitacións e restricións que impón a norma sanitaria”, explica Rafa Penabad.

Con esta decisión, o Concello de Xinzo pretende garantir a todos os deportistas locais a práctica habitual de deporte, pero sen competicións para evitar que se teñan que desprazar a outras localidades ou que teñan que facelo deportistas doutras localidades a Xinzo, reducindo así o risco de contaxios.

“A seguridade e a saúde están por encima das competicións”, sentencia o concelleiro de Deportes, que confía en que as nais e país dos rapaces rexistrados nos clubs de Xinzo saiban entender e comprender a decisión. 

Esta decisión afecta a uns 500 rapaces e rapazas do municipio, que poderán adestrar e incluso utilizar as instalación municipais para facelo, pero en ningún caso competir para evitar así os desprazamentos a outros concellos, así como de rapaces e rapazas de outros concellos a Xinzo.