Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo e Correos firman un convenio para facilitar aos cidadáns o pago de tributos a través de xiro postal

Correos
Correos

Os veciños e veciñas de Xinzo de Limia xa dispoñen dun novo método, máis cómodo e rápido, para o pago de recibos. O Concello e Correos veñen de firmar un convenio para que os cidadáns poidan pagar os tributos mediante xiro postal. Trátase de facilitar o ingreso en contas da Administración local para pagar débedas tributarias e outras de dereito público. Para tal efecto, Correos cobrará aos seus clientes as tarifas que teña estipuladas para o servizo de xiro postal. A tarifa vixente no momento da firma do convenio é de 1,95 euros.

Mediante este acordo, a sociedade estatal comprométese á identificación e comprobación do cliente remitente, con carácter previo á realización da operación de admisión de xiro de orde de ingreso en conta, mediante documento identificativo válido e en vigor. É responsabilidade exclusiva do Concello de Xinzo de Limia realizar as identificacións que considere oportunas ás súas entidades colaboradoras en orde de informar das responsabilidades de que as súas débedas tributarias ou de dereito público sexan abonadas na conta da que o Concello sexa titular, mediante un xiro postal.

O convenio entre Correos e o Concello de Xinzo de Limia terá unha vixencia de catro anos e poderá ser prolongado, con carácter anual, por período doutros catro adicionais.