O Conselleiro José González recibiu ao concelleiro Carlos Gómez

Analizaron  as necesidades do rural na comarca da Limia

O Conselleiro José González recibiu ao concelleiro Carlos Gómez
  • No eido comarcal, falouse da mellora das estruturas de rega na Limia para as que a consellería consignou, no proxecto de orzamentos da Xunta de 2019, unha partida de 4,3 millóns d

    O conselleiro do Medio Rural, José González, recibiu onte a  maña en Santiago ao deputado autonómico e concelleiro de Facenda e Promoción Económica de Xinzo de Limia, Carlos Gómez, para abordar distintos asuntos que afectan ao rural galego en xeral e á comarca da Limia en particular.

    Así, analizaron distintos programas que a consellería está implementando para os vindeiros anos e que van ter unha incidencia relevante nas terras da Limia, sendo esta unha das comarcas agrogandeiras máis importantes da provincia. Neste senso, trataron asuntos como a necesidade de subscribir seguros agrarios para salvagardar os cultivos que se poidan ver afectados, en maior ou menor medida, polas enfermidades que afectan ás distintas producións.

    Doutra banda, tamén abordaron as recomendacións do Plan Forestal e diferentes proxectos de mobilidade de terras agrarias levadas a cabo para recuperar a actividade agraria ou gandeira en terreos en desuso, co fin de poñelos a traballar e así loitar contra o abandono de parcelas e diminuír o risco de incendios forestais.    

    Eido comarcal        

    No eido comarcal e local, falouse da mellora das estruturas de rega na Limia para as que a consellería consignou, no proxecto de orzamentos da Xunta de 2019, unha partida de 4,3 millóns de euros; así como as inversións a través do Plan marco de mellora de camiños rurais e do Plan de Infraestruturas Agrarias (PIR), para proceder a mellorar diversas infraestruturas no municipio.

    Finalmente, o conselleiro tomou nota da invitación do deputado ourensán para visitar a Limia e poder manter reunións con distintas asociacións e colectivos agrarios, co fin de coñecer de primeira man a realidade da comarca e as necesidades e demandas destes veciños sobre o campo.