Xinzo de Limia

Elvira Lama: “Xinzo ten moito que amosar na integración das persoas emigrantes que aquí teñen o seu proxecto vital”

Pedagoxía
Pedagoxía

Xinzo demostrou ser un exemplo de convivencia entre culturas con casos reais. As orientadoras dos CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares e do IES Cidade de Antioquía expuxeron casos reais nos que se brindou axuda aos alumnos emigrantes chegados ao municipio. Os oíntes das súas experiencias profesionais foron os estudantes de segundo curso de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela. Os mozos tiveron ocasión de expoñer as súas dúbidas e de protagonizar un debate que, de seguro, servirá de moito na súa formación. Tratáronse temas como a acollida de mozos e mozas migrantes nos centros educativos e as súas adaptacións; os plans de convivencia; as problemáticas derivadas da xestión cultural nos centros; o papel da orientación no ámbito da pedagoxía intercultural ou a relación entre centros educativos e administración local no eido da diversidade cultural, entre outros temas de interese.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, foi a encargada de dar a benvida aos alumnos, acompañada do concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, e do profesor da USC Alexandre Sotelino, elixido mellor docente universitario de España no marco do premio Educa Abanca. A rexedora desexoulles que a xornada lles resultase frutífera e destacou o trabalo que se fai dende os centros educativos e dende Servizos Sociais: “Xinzo ten moito que amosar na integración das persoas emigrantes que aquí teñen o seu proxecto vital. As orientadoras son un exemplo de profesionalidade e de dedicación co seu esforzo para lograr a inserción dos emigrantes na sociedade”.

Pola súa banda, Sotelino asegurou que “a Universidade debe estar en diálogo constante cos profesionais e aprender dos educadores e orientadores para que nos digan que necesidades que existen. Estar hoxe aquí é unha gran oportunidade de aprendizaxe intecultural”.

Segundo á programación, esta tarde tamén estaba previsto un encontro con técnicos de Educación do Concello de Xinzo de Limia e con asociacións de migrantes. Tamén se levará a cabo unha visita ao Museo do Entroido, a partir das 18.00 horas.