Xinzo de Limia

Preto de 1.200 alumnos e alumnas de Xinzo e Ponte de Lima abrazaron o río nun acto simbólico que demostra a súa fraternidade

abrazo
abrazo

O río Limia recibiu esta mañá o abrazo de preto de 1.200 alumnos e alumnas de Xinzo, Ponte de Lima e arredores. Foi un acto simbólico que demostrou o valor que para os seus cidadáns teñen as súas augas e que fomenta a concienciación ambiental dos máis pequenos. Ata a vila portuguesa desprazáronse os estudantes de cuarto de Primaria dos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro e doutros doce colexios portugueses. A actividade recuperouse despois do parón da pandemia e este acto simbólico volveu mostrar a fraternidade entre Xinzo e Ponte de Lima, irmandadas e que cunha relación que se remonta moitos anos atrás.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, acompañou aos cativos e cativas nesta xornada que comezou cedo coa recepción dos participantes en Expolima. Tamén se realizou unha visita á Feira de Educaçao, Ciência e Tecnologia, onde os pequenos puideron coñecer de primeira man diferentes proxectos e experimentos. A rexedora presenciou o gran abrazo ao río dende un barco, acompañada do presidente da Cámara e do inspector educativo da zona norte de Portugal, entre outras autoridades. Elvira Lama destacou a importancia desta actividade: “Foi para min un pracer acompañar aos nenos e nenas nesta actividade que forma parte do deseño curricular de ambos centros de Xinzo”.

Cómpre destacar que con esta iniciativa os alumnos e alumnas comprenden a importancia de coidar o río e participan nunha xornada de convivencia. Os escolares do Rosalía de Castro chegaron a Ponte de Lima o xoves, mentres que os do Carlos Casares uníronse hoxe ás actividades programadas.

A iniciativa para a concienciación ambiental terá continuidade en maio, cando os estudantes de Portugal devolverán a visita para realizar un novo abrazo ao río, esta vez dende as ribeiras de Xinzo de Limia.