Xinzo de Limia

Amador Díaz de viaxe oficial en Ecuador para promover a modernización do sector primario e a economía circular

  • Xinzo de Limia é un exemplo a nivel internacional compartindo experiencia en agricultura sostible e posta en valor dos recursos locais con Ecuador.

Xinzo de Limia, a 10 de abril de 2024. O Alcalde de Xinzo Amador Díaz, foi convidado polo Goberno Provincial de Tungurahua, en Ecuador, para participar nunha serie de actividades oficiais relacionadas co fomento de mellores alternativas tecnolóxicas para o sector agrícola. A visita, que terá lugar do 10 ao 15 de abril, enmárcase na "Carta de Irmandamento" asinada entre ambas institucións, co obxectivo de promover a cooperación interinstitucional no ámbito da xestión produtiva agroindustrial, turística e a formación técnica e administrativa do talento humano.

Durante a súa estancia en Ecuador, o Alcalde compartirá a experiencia de Xinzo de Limia na modernización do sector primario e a transición cara unha economía circular. Neste sentido, destacará a aposta do Concello pola agricultura sostible, a innovación tecnolóxica e a valorización dos recursos locais, o que converte á nosa comarca nun referente a nivel internacional.

"É unha gran oportunidade para Xinzo de Limia compartir a súa experiencia con esta rexión de Ecuador e aprender das boas prácticas que se están desenvolvendo neste país", sinalou Amador Díaz. "Estamos convencidos de que a colaboración entre ambas rexións pode ser moi frutífera para o desenvolvemento rural e a creación de emprego".

Tamén participará en encontros con autoridades locais, empresarios e representantes do sector agrícola ecuatoriano. Ademais, terá a oportunidade de visitar diferentes proxectos innovadores relacionados coa agricultura sostible e a economía circular.

Esta visita a Ecuador enmárcase no compromiso do Concello de Xinzo de Limia co fomento do desenvolvemento rural e a internacionalización do municipio. Agárdase que esta iniciativa contribúa a reforzar as relacións entre ambas rexións e a xerar novas oportunidades de colaboración no futuro.