Xinzo de Limia

CUNHA ANCHURA DE VÍA DE 7,15 METROS E SENDA PEONIL DE 2,50 METROS

XINZO DE LIMIA INAUGURA A TRAVESÍA DO BOUZO

Esta actuación, que facilita a mobilidade veciñal, representa un novo avance na estratexia de optimización e desenvolvemento da rede de infraestruturas municipal.

Moncho Gómez, Luis e Amador Díaz
Moncho Gómez, Luis e Amador Díaz

O Concello de Xinzo de Limia abre a circulación no último tramo da Travesía do Bouzo, máis concretamente entre a Rúa Sitibal e a Estrada de Xinzo a Bande, onde se reasfaltou para aumentar o ancho das vías ata os 7,15 metros. Ademais, e co obxectivo de facilitar a mobilidade e mellorar a seguridade dos viandantes, fíxose unha senda peonil de 2,50 metros pola marxe dereita ó longo dos máis de 400 metros desta travesía dende o cruce coa rúa Jimmy Leyton. O custo desta obra, que asume íntegramente o propio consistorio, ascende a un total de 144.900€.

Segundo Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia, este tipo de intervencións “son vitais para manter e mellorar a calidade da nosa rede viaria e o día a día na mobilidade dos cidadáns". Ademais, amosa o seu agradecemento a tódolos veciños pola comprensión ante as posibles molestias causadas durante a execución das obras.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Moncho Gómez, quixo poñer de manifesto que “a finalización deste tramo da Travesía do Bouzo demostra o firme compromiso do Concello de Xinzo de Limia co desenvolvemento e a mellora das infraestruturas municipais".