Amador Díaz asina un convenio con WeWoman e Ourensividade para situar Xinzo como referente en lonxevidade, innovación e talento
A presidenta de WeWoman, Manuela Appendino, e o presidente de Ourensividade, Pablo García Vivanco, visitaron o Concello para formalizar o acordo e coñecer o potencial de Xinzo nun dos seus maiores retos demográficos: a lonxevidade.
Xinzo de Limia, a 21 de novembro de 2025. O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, asinou un convenio de colaboración coa plataforma internacional WeWoman (WeWoman Engineers) e coa asociación Ourensividade co obxectivo de impulsar proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza e activen o talento local a través da innovación, a formación e as redes de cooperación.
Durante a visita institucional, a presidenta de WeWoman, Manuela Appendino, e o presidente de Ourensividade, Pablo García Vivanco, mantiveron un encontro de traballo no Concello co rexedor, no que se abordaron liñas de colaboración orientadas a tres ámbitos complementarios: a análise e divulgación das causas da elevada lonxevidade na comarca; o desenvolvemento de iniciativas sociais e tecnolóxicas vencelladas ao envellecemento activo; e a promoción do talento, con especial atención a mulleres e mocidade en proxectos de innovación e emprendemento.
“Xinzo quere transformar un reto demográfico nunha oportunidade: atraer coñecemento, conectar talento e poñer a ciencia e a innovación ao servizo das persoas”, subliñou Amador Díaz, quen agradeceu a ambas entidades “a súa vontade de sumar e de traballar desde Xinzo para xerar impacto real na provincia”.
O acordo pon a Xinzo de Limia no mapa das alianzas útiles: permite tender pontes entre administracións, tecido empresarial, centros formativos e profesionais de referencia, para testar solucións, captar recursos e dar visibilidade ás boas prácticas que xurdan no territorio.