Xinzo de Limia

A Cidade

Xinzo de Limia, ocupa unha superficie territorial de 132,7 Km2, cunha superficie cultivable de 9.965,93 Ha, emprázase no sur da provincia de Ourense, no cuadrante noroeste da Comarca da Alta Limia; territorio no que  predomina a chaira, interrumpida hacia o norte pola presencia do bloque do “Alto de Pena” e o “Monte de A Medorra” en Trandeiras  que acadan os 758 m., e que sirve de interfluvio entre o val do Limia, ó leste, e as terras ocupadas pola Antigua Lagoa de Antela, ó oeste. Polo sur, as ladeiras empínanse na cabeceira de “O Rego da Ribeira” e do “Río Nocedo”, superándose os 800 m.

A topografía, a humidade e o trazado das vías de comunicación (N-525 e A-52) con entrada e saída no municipio, condicionaron o asentamento de poboación e as diferentes unidades da paisaxe. No val de Ribeira, atopamos Cima de Ribeira, Moreiras, Faramontaos, Fiestras… e no centro do municipio, na chaira, nunha encrucixada de camiños, a capital, Xinzo.

A rede hidrográfica, antes marcada pola lagóa de Antela, tras a súa desecación, pasou a organizarse arredor do río Limia, que cruza todo o municipio con escasa pendiente e dificultades de drenaxe, polo que no inverno é frecuente ver zonas encharcadas. Pola súa marxe esquerda únenselle varios afluentes que ten o seu nacemento nos rebordes meridionais: Faramontaos, Nocedo, Rego dos Arnos e Rego da Ribeira.

xinzomapa

 

Nos núcleos rurais abundan as vivendas levantadas a base de recios muros ou sillares graníticos. En Xinzo, conviven as antiguas construccións, semellantes ás que se observan noutras localidades, coas novas, froito do crecemento urbano. Xinzo, segue contribuíndo á cohesión comarcal, debido a que é un importante nó de comunicacións: algunhas de entrada a Galicia, outras, de conexión coas comarcas veciñas, e as últimas de unión coa súa propia comarca; pero sempre actuando como eixe de influencia.

Cando se fala de Xinzo, é obrigado facer referencia á Lagoa de Antela, e a súa cidade asolagada “Antioquia”, castigada segundo a tradición, pola idolatría do seu culto ó galo, elemento que conforma un dos cuarteis do actual escudo heráldico do Concello.

A historia do municipio  está presente tamén no río que o atravesa, o Río Lethes de Strabon, ou Río do Esquecemento, cuxas augas enfeitizaban a quen as atravesaba, impedíndolle lembrar, ata que Xuño Bruto, nun acto de valentía e poderío desafiou o poder enfeitizador deste río, chamándolle a cada un dos seus súdbitos polo seu nome, botando por terra a vella lenda.

 

Xinzo de Limia, ostenta o seu máximo interese no seu casco antiguo, cuns edificios cun atractivo tradicional manifesto, no que predominan as vellas construccións de sillar. O territorio municipal posúe diferentes xoias arquitectónicas, entre as que sobresáen a Torre de “A Pena”, e o Mosteiro do “Bon Xesús de Trandeiras”.

 

A Torre de “A Pena”, coñecida popularmente como o “Castelo de Porteliña”, erguida no século XII, con intencións defensivas e de vixianza para prever os intentos de invasión de Alfonso Henríquez de Portugal. Despois de sufrir varios conflictos e pleitos pola súa posesión, no século XVIII a fortaleza foi abandonada e destruída, conservándose sólo esa garrida torre, unida históricamente as outras tres torres da Comarca da Limia: O Castelo de Sandiás,  o Castelo da Forxa e a desaparecida torre de Celme.

 

En Trandeiras, motivado pola sucesión de aparicións divinas, construiuse unha vella capela, que posteriormente pola súa importancia de peregrinaxe e devoción deu lugar o actual Mosteiro do “Bon Xesús “, do que se ergue íntegro o seu templo, recentemente restaurado. Abandonado o conxunto dende o ano 1835 por culpa da desamortización de Mendizábal, sendo vítima do aillamento e depredación, pasando posteriormente a mans privadas, prologándose o seu estado de abandono, ata que nos anos 90 pasou a ser propiedade do Concello deXinzo. Do seu valor arquitectónico destaca a súa portada gótico-plateresca, e o seu claustro que se conserva case íntegro con vinteoito arcos conopiais de coidada molduración. A actuación no conxunto e no seu contorno fan moi recomendable a súa visita.

 

Continuando co patrimonio, e dentro da arquitectura relixiosa, merece unha mención aparte a igrexa de Santa Mariña (Igrexa Vella), vinculada á célebre mártir Santa Mariña (Patroa do Municipio), conformando unha realidade que vai máis alá do mito histórico, configurando unha paisaxe arqueolóxica froito dun proceso secular, que deu lugar a un rexistro de información importante sobre a historia da Vila, nesta construcción do século XII, sobresáe a súa portada románica. Nesta mesma liña, o románico tamén está presente nas igrexas de San Pedro de Boado, que presenta restos aproveitados; Santa María de Laroá, con transformacións posteriores; San Pedro de laroá, tamén reformada;  San Pedro de Pena, San Tomé de Morgade, en cuia portada principal son representativos os detalles da salamántiga e a rá, símbolos medievais da castidade e a lujuria; e na Portada norte destaca o seu curioso rosetón con forma esvástica de sete brazos, que lembra os “trisqueis” prehistóricos,... 

 

No patrimonio monumental, un referente constitúeo a “Ponte de Faramontaos”, tamén chamada “Das Poldras”, trátase dunha construcción medieval, pola que discurría o camiño entre o Val de Monterrei e a Limia, atravesando o territorio de Cualedro e Moreiras, antigos carrouchos de servidume do vecindario.

 

Polo que respecta á Arquitectura Popular  predomina o sillar como técnica de construcción máis utilizada,  onde as vellas vivendas de pedra conservan aínda os elementos tradicionais das explotacións agrarias e gandeiras da zona, en Xinzo abundan os cruceiros, petos de ánimas, muiños e cabaceiros, vinculados fundamentalmente a cultura e estructura socioeconómica da Limia.

 

Xinzo, constitúe un dos municipios no que se mistura o encanto e maxestuosidade dos seus bosques coa sencillez da chaira limiana. Neste nivel atópase a frondosidade da fraga do Monte do “Castelo” en Mosteiro de Ribeira, Cima de Ribeira e Gorgoloza; ou o Entorno Natural da Torre de Pena e do  Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras que nos agasallan, con olores, sonidos e vistas que avivan os sentidos, dando  lugar a unha paisaxe multicolor favorecida por un contraste superposto de luz e sombra que seduce ó visitante; invitándoo a compartir as súas emocións nun entorno máxico e sorprendente.

 

A Lagoa de Antela, a pesares da súa desecación, foi conformando pequenas Veigas, consideradas Espacios Naturais nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Xunta de Galicia; o propio Río Limia; e as Pozas que se forman coas extraccións de area, constitúen uns reductos de grande valor ecolóxico, sobre todo pola fauna ornítica que alberga; nos que aínda se poden descubrir o niño da pita de auga ou observa-los patos, cegoñas, garzas, galupos, merguilletes…, que voaron sobre as augas cando esta terra permanecía sumerxida baixo a inmensidade da Lagoa.

 

No que respecta ó Turismo Activo, Xinzo de Limia sorpréndenos con diferentes roteiros e paraxes naturais para a práctica de sendeirismo e cicloturismo, nos que sobresáen  os itinerarios: Faramontaos-Estación do Parque eólico de Gudín; Mosteiro de Trandeiras-Solveira-Torre de Pena; e a Ruta da Gorgoloza; en todos se pode apreciar diferentes vistas panorámicas e entornos naturais que van conformando unha paisaxe íntima e resgardada, intensificada durante a primavera e outono; conferíndolle ós lugares unha deliciosa policromía de tonos, contrastes e cores.

 

Polo seu carácter etnográfico e cultural, o Entroido constitúe a tradición máis arraigada na Comarca, gozando de gran popularidade en toda a Comunidade Autónoma Galega, considerado dende fai anos de interese turístico nacional, tratándose do máis amplo, longo e intenso de España, tanto no tempo coma nas súas formas de expresión popular; abarcando cinco domingos sucesivos: Fareleiro, Oleiro, Corredoiro, Domingo, Lus e Martes de Entroido, Enterro da Sardiña e Domingo de Piñata.

 

A “Pantalla“ é a máscara do entroido limiá, constituíndo o símbolo de manifestación máis importante, con raíces castrexas marcadas, na que o seu poder relixioso, xudicial e social queda manifesto, na máscara (o relixioso), que constitúe una variante única e singular, no seu porte de virilidade e fermosura de vellas máscaras medievais europeas que recolleron elementos de ritos paganos de fertilidade, que nas procesións relixiosas representaban ó inframundo e xenericamente o primitivismo do home non cristianizado; na imposición das vexigas (o xudicial) e na participación e función de ordena-la festa (o social); sendo ademais unha das escasas máscaras rurais que perviven na Europa do novo milenio. A súa saída ás rúas chegan a sumar centos delas, o que é ritual e tradicional. A “Pantalla” é a raiña do entroido limiá, ninguén se pode meter con ela, co movemento das fitas, son das campás e cascabeis, e os golpeteos das vexigas, deixan constancia da Leticia do entroido. 

 

Outra tradición fortemente arraigada no Concello, constitúenna os Magostos, que se celebran no municipio cada 11 de novembro na Praza de Oriente no pleno centro do Casco Vello de Xinzo, no que as castañas, o viño e os bolos preñados aquiren un papel protagonista, arredor das fogueiras que enfeitizan éstas noites frías na Limia.

 

No patrimonio cultural nos últimos anos, ven adquirindo un impulso forte, a Festa do Esquecemento, na honra do río Limia ou Lethes, na que cada penúltima fin de semana de agosto (venres, sábado e domingo) preténdese revivir por uns días “ viaxando no tempo “ á época dos romanos. Con esta festa, a vila de Xinzo transfórmase nunha auténtica “Civitas Limicorum”, co seu foro, campamento e mercado romano e castrexo. Inténtase rememora-lo paso dos comerciantes pola Vía Nova entre Bráccara e Artúrica-Augusta; escenificando en distintos lugares templos  onde se rende culto ós deuses, centros de espallamento e lecer como os baños ou o impresionante Circus, con espectáculos de aurigas, gladiadores, danzas e liortas que espertan a paixón de propios e foráneos; así coma unha escenificación maxistral do “Paso do Río Lethes” por parte do exército romano, conducido por Xuño Bruto.

 

San Sebastián: 20 de xaneiro, Xinzo de Limia.

San Blás: 3 de Febreiro, Laroá

Entroido: mes de febreiro, Xinzo de Limia.

San Bieito: 12 de abril (Luns de Pascoa), Rebordechá.

Santa Cruz: 3 de maio, Lamas.

San Gregorio: 9 de maio, Mosteiro de Ribeira.

Santa Bárbara: 30 de maio, Gudín.

Festa das Flores: xuño (primeira fin de semana), Trandeiras.

Santa Isabel: 8 de xuño, Ganade.

Inmaculada Concepción: 13 de xuño, Parada de Ribeira.

San Andrés: 20 de xuño, Baronzás.

Corpus Christi: 22 de xuño, As Queirugás.

Noite de San Xoán : 23 de xuño, Xinzo de Limia (Polígono).

San Xoán:24 de xuño, Barrio do Polígono e Guntimil.

San Pedro: 29 de xuño, Pena, Laroá e Boado.

Santa Mariña: 18 de xullo, Xinzo de Limia.

Santa Marta. 29 de xullo, Fiestras.

San Ciriaco: 7 de agosto, Paredes.

Santa Bárbara: 9 de agosto, Pidre.

Festa do Esquecemento: Agosto (Penúltima fin de semana), Xinzo de Limia

San Bartolomé: 23 de agosto, Ganade.

Virxe do Carme: 5 de setembro, Damil.

San Roque: 8 de setembro, Lamas.

Os Remedios: 9 de setembro, Mosteiro de Novás e Novás.

Nosa Señora das Dores: 15 de setembro, Moreiras.

San Miguel: 29 de setembro, Ribeira.

Os Magostos: 11 de novembro, Praza de Oriente.Xinzo de Limia.

Santa Cecilia (patroa da música): 13 de novembro, Xinzo de Limia.

 

1.Feira de Xinzo: Unha das feiras máis representativas do concello de Xinzo, constitúena a feira tradicional que se celebra tódo ano, coincidido co día 14 e 27 de cada mes. Trátase  dunha feria eminentemente Comarcal, sendo punto de referencia dos once municipios que conforman a Comarca Limiana, e resto de áreas limítrofes. Esta feira constitúe o punto comercial máis importante da Limia, na que aínda se pode ver, os aldeáns do  medio rural, vendendo os seus productos agrícolas e caseiros: mel, queixos, grelos, prantas mediciñais, árbores para prantar, vides, galinas, coellos, así coma productos derivados da artesanía popular (cestería, coiro, bisutería, textil…); roupa e calzado; postos de ferramentas agrícolas elaboradas a man (fouces, sachos, rastrillos, navallas, cóitelos…) e outros enseres

 

2.Salon Monográfico da Pataca de Galicia: Este evento expositivo, surxiu no ano 2008, a partires dunha iniciativa do propio Concello de Xinzo de Limia, do INORDE e da Consellería de Medio Rural, coa finalidade de promocionar a Pataca de Galicia de indicación xeográfica  protexida, e acercar  información puntual, novas iniciativas sobre a producción de pataca, comercialización e transformación deste tubérculo, maquinaria agrícola, a partires dos coñecementos dos técnicos da Consellería de Medio Rural, do INORDE e Instituto do Campo, e especialmente dos diferentes expositores de Polonia, Francia, Hungria…, que  asiduamente participan nun evento destas características. Todos estes argumentos, constitúen un pilar fundamental para que este Salón bianual sexa un referente obrigado para miles de visitantes e se vaia consolidando coma un dos máis importantes de Galicia e Norte de Portugal. 

 

Ó falar de gastronomía en Xinzo temos que comezar exaltando un dos prtatos típicos máis coñecidos e degustados polos visitantes; as zancas de rá. Merecida tamén é a mención do cocido galego onde se di que nestas terras se prepara dun xeito especial, cecais poida ser por un dos elementos distintivos  máis importantes da Limia, a pataca e os grelos. Todo elo acompañado tas tapas características e dunha taza de viño que van do barrio vello de Xinzo un referente gastronómico singular.

 

Non podemos esquencer como complemento destes pratos mencionar as filloas, os muñuelos ou as orellas, como acompañamento delicioso que non pode faltar no Entroido Limiao. A combinación dos bos sabores e do acollemento da terra fan que a gastronomía se faga sitio entre os elementos atractivos para os visitantes