Amador Díaz participa nun encontro para impulsar a futura Eurocidade transfronteiriza con Montalegre
O alcalde de Xinzo de Limia reuniuse coa presidenta da Câmara Municipal de Montalegre, Fátima Fernandes, e co alcalde de Baltar, José Antonio Feijoo, para afondar nun marco estable de cooperación a ambos lados da Raia.
Xinzo de Limia, a 18 de novembro de 2025. O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, mantivo en Montalegre unha reunión de traballo coa súa presidenta da Câmara Municipal, Fátima Fernandes, e co alcalde de Baltar, José Antonio Feijoo, co obxectivo de sentar as bases da futura eurocidade que aspiran a crear os tres municipios.
O encontro serviu para ratificar a vocación transfronteiriza de Xinzo, Baltar e Montalegre e para aliñar prioridades nun proxecto común que fortaleza a cooperación institucional e xeración de oportunidades para a cidadanía. As conversas avanzaron nun marco compartido con acento en ámbitos como a dinamización económica e social, a proxección cultural, o turismo e a mellora de servizos no territorio que comparten a carón da Raia.
A reunión desenvolveuse nun clima de excelente sintonía, co compromiso de continuar os contactos nas vindeiras semanas para concretar unha folla de ruta e pechar as primeiras accións deste proxecto transfronteirizo.
O Concello de Xinzo de Limia subliña que a futura eurocidade responde a unha visión de longo percorrido, orientada a sumar esforzos e optimizar recursos en beneficio do tecido económico, social e cultural.