Xinzo de Limia

MEDIO CENTO DE ESTABLECEMENTOS OFERTARÁN OS SEUS PRODUTOS NA IV FEIRA DO COMERCIO

O Concello de Xinzo de Limia impulsa a IV Feira do Comercio Prolimia

A variada programación inclúe dende actuacións, ata obradoiros, pasando por degustacións e incursións musicais do máis variadas.
Presentación da IV Feira do Comercio Prolimia
Presentación da IV Feira do Comercio Prolimia

Xinzo de Limia, a 01 de agosto de 2023. A Feira do Comercio de Xinzo de Limia defínese coma “un escaparate único para amosar o potencial dos negocios limiáns”. Así comentou o alcalde, Amador Díaz, acompañado polos concelleiros de Promoción Económica, Ricardo Sieiro; o presidente do INORDE, Rosendo Fernández; a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez;  e membros da directiva de Prolimia encabezada por Conchi Conde; durante a presentación da IV edición desta iniciativa en favor do comercio local. 

O rexedor lembra que “unha edición máis esta Feira do Comercio potenciará ós pequenos negocios da nosa vila, que son os que nos atenden con cariño, proximidade e profesionalidade durante todo o ano”. 

Pola súa parte, dende Prolimia queren agradecer unha vez máis “a colaboración de diferentes asociacións e das institucións, especialmente ó Concello de Xinzo de Limia e ó INORDE, que apoian crecentemente este proxecto dende a súa primeira edición”.

Durante os tres días nos que se desenvolverá a feira levaranse a cabo degustacións gastronómicas, actuacións musicais, obradoiros e outras propostas consideradas de gran interese. Para os nenos haberá tamén entretemento con inchables no exterior do pavillón. 

As previsións con esta feira, que se inaugura o venres 25 de agosto ás 12.00 horas, son moi optimistas tendo en conta o crecente apoio por parte da cidadanía a esta iniciativa, sobre todo despois do gran éxito da pasada edición.

Prolimia 2023 - Cartel
Prolimia 2023 - Cartel