Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo de Limia pon en marcha a II edición do programa Hypatia en colaboración con Sandiás e Vilar de Barrio

O Programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece unha intervención multidisciplinar a través de formación, obradoiros e un servizo gratuito e profesional de asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral axustado ás necesidades das participantes.
Cartel II Hypatia
Cartel II Hypatia

Xinzo de Limia, a 10 de agosto de 2023.  Comeza a segunda edición do Programa Hypatia dirixido ás mulleres de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás, na comarca da Limia. Unha actuación que pivota na formación, información, prevención, orientación e asesoramento xurídico, laboral e psicolóxico individualizado para tódalas participantes.

O programa Hypatia execútase mediante o sistema de xestión compartida e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a Xunta de Galicia. Mediante actuacións concretas orientadas a impulsar unha atención profesional de maior calidade, Hypatia conta cun Servizo Integral e Especializado de Asesoramento Xurídico, Psicolóxico e Laboral. Gratuito, presencial e á demanda, aínda que se establecerán unhas horas fixas todos os martes en horario de mañá, o Servizo tamén elaborará os itinerarios personalizados de inserción. Ademais, haberá un Punto de Información de Hábitos Saudables para as

Mulleres e asesoramento para unha Despensa Saudable e impartiranse 61 horas de aularios, conversatorios e formacións destinadas a promoción da igualdade, a mellora da autoestima e benestar das mulleres e inserción laboral, entre outras.

O Espazo Hypatia conta cun aulario con intervencións en coidado de corpo e mente, nutrición e hábitos mediante os seguintes aularios: "Autoestima e benestar con perspectiva de xénero", "Activa a túa mente", "Exercicio terapéutico e saúde", "O equilibrio a través da alimentación", "A saúde sexual e reprodutiva das mulleres" e "Mulleres e deporte".

Nos Conversatorios Feministas abordaranse diferentes temas a través das seguintes sesións: "Visibilización e recoñecemento das mulleres", "Por que foron somos, por que somos, serán", "As mulleres: piar da sostenebilidade do rural", "As artes no camiño do empoderamento das mulleres", "Conversatorio sobre a violencia de xénero: claves para a análise construíndo respostas colectivas", "Fai do teu móbil unha ferramenta de utilidade" e "Mulleres con discapacidade conquistando espazos: da invisibilidade á utopía atravesando charcos".

Nun terceiro bloque desenvolveranse accións para a orientación e inserción laboral e a definición do proxecto profesional: "Explorando novos xacementos de emprego”, "Inserción e intereses ocupacionais", "Obradoiro de capacitación para o acceso a emprego, procesos de selección, habilidades de comunicación e construción definitiva do perfil e o CV" e "Obradoiro de autoemprego e emprendemento das mulleres" así coma visitas a empresas.

No Programa Hypatia, cunha contía de 18.133,7€, traballarán 8 profesionais e prevese unha participación mínima de 75 mulleres. A actuación é un exemplo de colaboración e cooperación local para ampliar servizos que cristalizan no reforzo das políticas públicas de igualdade e de prevención da violencia de xénero, optimizando os servizos dos tres Concellos e mellorando a atención ás usuarias.

 

Ademáis de carteis e flyers do Programa así como as RRSS municipais e formación do CIM de Xinzo, está habilitado un teléfono/WhatsApp para atender a todas as persoas que queiran participar e informarse: 685211882.