Xinzo de Limia

Os 15 policías locais someteranse a un test preventivo do covid-19 para evitar o bloqueo das súas funcións

Un convenio entre a Xunta e a Fegamp, ao que se acaba de adherir o Concello mediante un decreto firmado por Elvira Lama, facilita a realización das probas

WhatsApp Image 2020-06-11 at 11.16.59
Imaxe de arquivo dunha reunión da alcaldesa e os concelleiros Manuel Pérez e Ramón Gómez con responsables da Polcía local.

Os 15 axentes da Policía Local de Xinzo serán sometidos nos próximos días ao test de Covid-19, segundo acordou a alcaldesa, Elvira Lama, a través dun decreto co que se adhire a un  convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O Concello de Xinzo quere evitar deste xeito que se podan producir situacións imprevistas que afecten a un servizo esencial tanto para a entidade local como para os veciños e veciñas.

Ambas institucións, Xunta e Fegamp, acordaron poñer en marcha de forma coordinada os intercambios de información e traslado dos posibles casos de COVID-19, así como a implementación de medidas sanitarias específicas e áxiles, que eviten demoras innecesarias ou períodos de inactividade ou bloqueo no normal desempeño das funcións encomendadas ás policías locales dos concellos de Galicia. 

Para elo, consideran axeitado dispor de medios oportunos para a prevención da detección precoz de posibles casos positivos por COVID-19 entre os policías locais e os auxiliares de policía local, xa que garante tanto a integridade dos seus efectivos, como o desenvolvemento das súas funcións con garantías sanitarias

Como medida preventiva, os efectivos extremarán as medidas de illamento social, restrinxindo os contactos e limitándoos aos imprescindibles. 

No caso de que houbese contacto estreito dalgún efectivo cun enfermo sintomático de COVID-19, comunicará este feito ao seu superior xerárquico, deberá cesar no servizo e manterse en corentena domiciliaria durante catorce días, vixiando a aparición de síntomas. 

En caso de presentar síntomas respiratorios, tampouco deberá desenvolver as súas funcións encomendadas. Neste caso, o/a axente da policía ou o/a auxiliar de policía deberá autoaillarse no seu domicilio, solicitar unha consulta telefónica co seu médico de atención primaria e seguir as súas indicacións, ata a súa completa recuperación.