As alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata melloran a accesibilidade do Camiño de Santiago ao seu paso por Xinzo
Foi un dos puntos neurálxicos do Nadal pola súa coidada decoración e seguirá chamando a atención de veciños e visitantes unha vez pasadas estas datas. O parque do Pombal cambia de imaxe grazas ao traballo que están a realizar as alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata. O grupo de albanelería afánase estes días en mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago neste entorno. Máis en concreto, estanse a realizar traballos para arranxar a pavimentación das lousas e acondicionar as beirarrúas.
A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, acompañada do concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, e do edil de Infraestruturas, Rafa Penabad, visitaron o parque do Pombal para comprobar sobre o terreo os avances da actuación.
O cambio de imaxe deste espazo comezou hai semanas, cando as alumnas do módulo de xardinería plantaron distintas especies ao redor da estatua. Despois das clases teóricas, as participantes do Obradoiro de Emprego Vía da Prata están a demostrar todo o aprendido nestas actuacións que pretenden revalorizar o Camiño ao seu paso por Xinzo. Trátase dunha labor de formación que ten unha duración de nove meses e que facilitará a inserción laboral de 16 persoas, maioritariamente mulleres. “Contar cun obradoiro de emprego na vila fai posible actuacións moi necesarias nos espazos públicos ao tempo que se forma a persoas en situación de desemprego para a súa inclusión no mercado laboral”, sinalou a rexedora.
Rehabilitación dunha área degradada
A obra máis agardada será a rehabilitación dunha área degradada para convertela en parque urbano. Este espazo emprázase á beira do río Limia, ao lado do parque da Seara e a estrada de Baltar. Cómpre destacar que nesta antiga escombreira proxéctanse obras para a construción dun novo servizo de esparcemento dos peregrinos e unha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre, ademais da creación dun novo xardín.
Favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas de 18 ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral é o obxectivo do Obradoiro de Emprego na Vía da Prata. Xinzo e Sandiás uniron as súas forzas para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnas traballadoras durante un período de tempo de nove meses.