As alumnas do Obradoiro Vía da Prata converten unha área degradada á beira do río Limia nunha zona de esparcemento para veciños e peregrinos
Últimos retoques na obra estrela do Obradoiro de Emprego Vía da Prata. As alumnas conseguiron converter a antiga escombreira, emprazada ao carón da estrada de Baltar e o parque da Seara, á beira do río Limia, nunha zona de esparcemento para veciños/as e peregrinos/as. As obras consistiron na construción dunha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre. Ademais, creouse un novo xardín con preto de 200 novas plantas e árbores. Un pequeno estanque tamén decora este espazo no que as alumnas puxeron todo o seu empeño.
A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, visitou os traballos e destacou o cambio radical deste novo punto de encontro ao aire libre, un paso máis para mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago.
Outros espazos da vila como o parque do Pombal tamén mudaron de imaxe nos últimos meses polo traballo das alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata. Máis en concreto, realizáronse traballos para arranxar a pavimentación das lousas e acondicionar as beirarrúas e tamén labores de xardinería.
Revalorizar o Camiño ao seu paso por Xinzo de Limia foi o principal obxectivo do Obradoiro. Realizouse unha labor de formación que facilitará a inserción laboral de 16 persoas, maioritariamente mulleres. Xinzo e Sandiás uniron as súas forzas para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnas traballadoras durante un período de tempo de nove meses.