Xinzo de Limia

Arranca o proxecto para eliminar vertidos ao río Limia e construír un carril bici e unha senda peonil

río Limia
río Limia

Como unha obra “de gran envergadura” non só para os veciños e veciñas de Xinzo, senón para o medio ambiente. Así definiu o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, a actuación que eliminará os vertidos do río Limia e humanizará o seu entorno. Xunto coa alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz; o edil de Infraestruturas, Rafa Penabad; e o de Urbanismo, Ramón Gómez, visitaron esta mañá a zona ao carón do río na que se levarán a cabo as obras a partir do primeiro trimestre do 2023, unha vez se adxudiquen a finais deste mesmo ano. Sobre o terreo e xunto cos técnicos e representantes da empresa que redactará o proxecto, comprobaron a problemática actual de contaminación que existe na zona.

Para a eliminación dos vertidos empregarase unha tecnoloxía que permitirá o cruce subterráneo do río Limia. A redacción do proxecto, que xa foi adxudicada por importe de 45.000 euros e na que traballan os técnicos da Confederación e da empresa adxudicataria, tamén contempla as conducións necesarias e dous bombeos para conectar coa rede municipal no parque de O Toural.

Unha vez eliminados os vertidos, urbanizaranse as dúas marxes. Continuarase o carril bici na marxe dereita e construirase un novo na parte esquerda, ademais dunha senda peonil. Que o veciños e veciñas de Xinzo de Limia volvan a vivir de cara ao río é o obxectivo do Concello e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O presidente do organismo de cuncas, José Antonio Quiroga, explicou que as obras buscan canalizar os vertidos “para gañar  calidade na auga, ao mesmo tempo que se urbaniza as dúas marxes”.

A alcaldesa, Elvira Lama, insistiu en que “este goberno aposta pola mobilidade e o medio ambiente cun proxecto que significará un antes e un despois do río ao seu paso pola vila de Xinzo de Limia”.