Xinzo de Limia

A Asociación A Pantalla e o Concello recuperan A Feira das Mozas como homenaxe ás tradicións “que tanta vida lle deron ao noso pobo”

presentación
presentación

Entre o Entroido e o Esquecemento haberá en Xinzo de Limia unha nova celebración que tamén agarda ser un referente. Cada  14 de maio a partir de agora, limiaos e visitantes viaxarán décadas atrás no tempo coa Feira das Mozas. Trátase dunha celebración cun marcado carácter tradicional e que organiza a Asociación A Pantalla en colaboración co Concello e Política Lingüística. Trátase de revivir a feira como a recordan os máis maiores do municipio e, ao mesmo tempo, render homenaxe ás tradicións “que lle foron dando vida ao noso pobo”, tal e como afirmou Iván Prado, representante da entidade organizadora. Tamén explicou que Feira das Mozas era como se chamaba á do 14 de maio por ser “a data na que comezaba o bo tempo, cando había máis intercambio social e os rapaces e rapazas comezaban os seus romances”. Para que a celebración sexa o máis real posible, repartiranse caraveis para que leven os asistentes e, segundo a cor da flor, mostren se están solteiros ou dispostos a namorarse.

O programa, no que se porá en valor a tradición, comezará ás 11.00 horas cun pasarrúas a cargo de Lirolaio, Antioquía e Banda Senior que percorrerá a feira, o casco vello e o Toural durante todo o día. A Praza dos Ovos será o escenario no que se leve a cabo un obradoiro de pandeireta a partir do mediodía, que  será impartido por Diego Cabaleiro, de O Fiadeiro. Xa en horario de tarde, dende as 17.00 horas agárdase un obradoiro de baile tradicional a cargo de Sergio Martínez, tamén da asociación  O Fiadeiro. Será na praza de Oriente.

A última verbena comezará á noitiña na Praza Maior e será o preludio dunha foliada aberta prevista para as 23.00 horas. Ademais, complementando a programación, poderá visitarse na rúa dos Viños e durante todo o día unha exposición sobre as feiras de Xinzo de Limia.

A alcaldesa, Elvira Lama, asegurou que “a aposta desde grupo de goberno pola cultura, o tempo de lecer e por facer comunidade en Xinzo de Limia está lonxe de toda dúbida” e destacou o traballo da Asociación A Pantalla. A rexedora insistiu en que con esta iniciativa “poñerase en valor a nosa cultura e a nosa forma de vivir as feiras, tendo en conta que as de Xinzo de Limia gozan de gran relevancia non só na provincia, senón en toda Galicia”.

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, tamén agradeceu a colaboración da entidade cultural co Concello e confía en que sexa todo un éxito e poida consolidarse no tempo: “Engadimos así unha nova data no calendario festivo de Xinzo para lembrar as tradicións do noso pobo”, explicou.