O BOE publica a aprobación definitiva do proxecto para humanizar os accesos a Xinzo
Conta atrás para que comece a obra de máis envergadura que se recorda en Xinzo de Limia. O Boletín Oficial do Estado vén de dar luz verde de forma definitiva ao proxecto para humanizar os accesos á vila. Máis en concerto, o documento oficial recolle a aprobación do expediente de información pública e, definitivamente, o proxecto do trazado “Humanización da travesía de Xinzo de Limia en la N-525, PP.KK. 197+060 a 200+000”. O orzamento ascende a case 4 millóns de euros (3.941.139 euros) e o seu financiamento correrá a cargo do programa de mellora de contornas urbanas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), dotado con 105 millóns do fondo NextGenerationEU.
Foron moitos os pasos que tivo que dar o executivo local para que o proxecto chegara a este punto. Cómpre lembrar que a memoria desta actuación foi encargada pola alcaldesa de Xinzo de Limia ao comezo do seu mandato e trasladada ao Goberno de España a través do que entón era o seu delegado en Galicia, José Miñones, en setembro do 2021.
En febreiro deste mesmo ano, a rexedora mantivo un encontro en Madrid co director xeral de Estradas, Juan Pedro Fernández Palomino, na que se axilizaron os trámites e na que Elvira Lama volveu a insistir na importancia desta obra para o futuro da vila, xa que cambiará considerablemente a súa imaxe e dará prioridade aos peóns fronte aos vehículos para mellorar a seguridade cidadá.
Así valora a alcaldesa este novo paso que achega aínda máis o proxecto aos veciños e veciñas: “A aprobación definitiva do proxecto de trazado e a resolución das alegacións hoxe no BOE, da paso a aprobación do proxecto de construción e licitación da obra por valor de 4 millóns de euros Os prazos estanse a cumprir e esta obra será realidade neste mesmo ano. Sinto moita satisfacción polo traballo ben feito”
Lembramos as actuacións previstas no proxecto de humanización dos accesos á vila de Xinzo de Limia:
- As obras obxecto do proxecto consisten na mellora da urbanización da contorna da N-525 ao seu paso polo núcleo urbano de Xinzo de Limia, tratando por unha banda de separar o tráfico rodado da estrada das zonas destinadas ao uso peonil e ao estacionamento de vehículos, así como a dotación de servizos situados nas marxes e que con motivo das obras e dada a súa antigüidade, necesitan ser renovados.
- Procederase tamén a soterrar a liña de iluminación pública, recuaranse as luminarias e semáforos existentes, adaptándoos á nova aliñación das beirarrúas, que gañarán anchura permitindo o paso cómodo e seguro dos peóns.
- A humanización inclúe dúas novas glorietas e na zona do Pombal e da Praza Maior proxéctase unha plataforma elevada ao mesmo nivel das beirarrúas, para dar prioridade aos tráficos peonís.
- Tamén se sobreelevarán dous pasos de peóns, dous pasos ciclistas e dispoñerase un atenuador de velocidade sobreelevado.
- Proxéctanse zonas axardinadas para separar a zona peonil do tráfico rodado e as circulacións peonís e ciclistas.