Xinzo de Limia

A CHMS mellorará a conectividade do río Faramontaos coa retirada da presa de Gudín

faramontaos
faramontaos

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a alcaldesa de Xinzo de Limia (Ourense), Elvira Lama, rubricaron hai uns días o convenio para o financiamento e execución das obras de “Demolición da presa de Gudín no río Faramontaos, en Xinzo de Limia (Ourense)”.

O investimento total estimado é de 1.200.000 €, a CHMS achegará 960.000 € do custo inicialmente previsto, o que supón unha porcentaxe do 80% do investimento, e o Concello de Xinzo de Limia 240.000 €, o 20% restante.

Con este proxecto recuperarase a conectividade ecolóxica do río Faramontaos que, como moitos outros leitos da demarcación, presenta este obstáculo transversal, carente de uso e altamente nocivos para o ecosistema acuático.
É importante destacar que esta gran infraestrutura en desuso, de 66 metros de coroación e 15,6 metros sobre cimentos, non ten concesión na actualidade, polo que non conta con labores de mantemento e tampouco co necesario Plan de Seguridade, co consecuente perigo que podería supoñer a medio e longo prazo, en canto a súa deterioración sexa máis evidente.

“A derriba de obstáculos transversais no leito son actuacións fundamentais na restauración fluvial, a través dos que se recupera a continuidade lonxitudinal do sistema, a través da eliminación dunha presión e o seu impacto, gañando en naturalidade o curso do río” explicou o presidente.

“No encontro mantido coa presidenta da AVV de Gudín, que defenden a permanencia da presa para abastecemento dos medios aéreos en caso de incendio, fíxenlles participes de necesidade e urxencia de acometer esta actuación, así como, do compromiso deste Organismo na construción dunha nova balsa para carga de auga na zona de Gudín, como complemento aos 31 puntos existentes nun radio de 5 minutos da infraestrutura actual” ha matizado Quiroga.

“A actuación de retirada do obstáculo compleméntase, ademais, coa recuperación ambiental da zona e a execución dunha pasarela que comunique ambas marxes do río” engadiu o presidente.

“Desde a CHMS queremos destacar o noso firme compromiso coa Limia e sempre tenderemos unha man de colaboración a proxectos realizables e concretos” concluíu.