Xinzo de Limia

Comezan as obras para converter a praza do Conservatorio nun auditorio ao aire libre e nun espazo seguro para a veciñanza

conservatorio
conservatorio

As imaxes do antes e do despois da praza do Conservatorio de Xinzo de Limia falarán por si mesmas en pouco tempo. Os operarios xa comezaron a traballar para levar a cabo a rehabilitación integral do espazo, de máis de 400 metros cadrados e emprazado ao carón da praza Carlos Casares. As obras que se levarán a cabo nestes días céntranse na eliminación das humidades derivadas da recollida de augas do tellado do edificio. A intención é canalizar a recollida de pluviais nun único punto e solucionar os problemas de desnivel do firme para evitar que se produza a acumulación de auga.

Unha vez que rematen estes traballos, comezarase coa colocación do pavimento decorativo, acorde cos motivos musicais. Cómpre destacar que no proxecto inclúese a instalación de mobiliario e de iluminación, ademais do peche do recinto durante a madrugada para convertelo nun lugar seguro, xa que era habitual que os rapaces realizasen nel actividades que ocasionaban problemas coa veciñanza.

Deste xeito, a intervención permitirá ao Concello dispor dun recinto no que se poidan celebrar concertos, proxeccións de cine, representacións teatrais ou outro tipo de eventos de forma controlada. Actualmente, só é un lugar de paso pese ao seu gran potencial. Coa rehabilitación das instalacións e o seu peche a horas intempestivas prevese dar un xiro radical ao uso que se fai deste lugar.

O executivo local adxudicou as obras á empresa Explotacións Ambientais, cun presuposto de 47.839 euros e un prazo de execución de 3 meses.

Revestimento decorativo

Tal e como figura no proxecto, para cambiar completamente a imaxe da praza do Conservatorio, colocarase un revestimento decorativo con motivos musicais en distintas cores. Ademais, está prevista a instalación dunha estrutura modular a base de postes de aceiro galvanizado sobre os que se fixarán paneis de policarbonato.

Para evitar os problemas de seguridade anteriormente citados, instalaranse dúas portas batentes con chave revestidas con aceiro que impedirán o acceso ao recinto. A maiores, substituirase a iluminación existente por uns proxectores LED e garantirase a suficiente luz para a realización de eventos. Bancos, xardineiras e unha papeleira serán outros dos elementos que contribuirán a ornamentación.