O Concello adquire un edificio senlleiro da Praza Maior que albergará o Museo Carlos Casares despois de dous anos de negociacións
O Museo Carlos Casares emprazarase no corazón de Xinzo de Limia, na súa Praza Maior. Será así grazas á adquisición por parte do Concello, e cunha subvención de 60.000 euros da Deputación, dun edificio senlleiro no que tamén se instalará o punto de información turística de vila. Despois dun longo camiño de xestións e negociacións cos propietarios, o inmoble albergará o Museo e a intención do executivo local é seguir loitando coas administracións para acadar as axudas precisas para poder acondicionalo. No pleno desta mañá aprobouse o expediente para a adquisición do edificio e a alcaldesa, Elvira Lama, explicou que levou dous anos chegar a un acordo cos donos e detallou que se trata dun inmoble con edificabilidade de baixo e dous andares. Na planta baixa estará o centro de información turística da vila e na primeira e segunda planta repartirase a documentación bibliográfica do escritor.
Todos os puntos da orde do día do pleno celebrado esta mañá, o último deste mandato, saíron adiante por unanimidade. Así, todos os grupos políticos apoiaron o expediente de honra para entregar a Medalla do Concello de Xinzo a José Gil Paz. Esta homenaxe, a título póstumo, recoñecerá a súa traxectoria e dedicación na asistencia pública, exercida en moitas ocasións dun xeito altruísta.
Tamén se deu luz verde á solicitude da declaración do Esquecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia. O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, destacou a importancia da celebración “que está máis que consolidada”.
Coa aprobación e posta a disposición dos terreos para a o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para as obras de eliminación de vertidos do río Limia e a humanización do entorno, o proxecto está preto de ser unha realidade.