O Concello aproba a exención do pago das terrazas, que supón para a hostalería un aforro de máis de 75.000 euros dende o 2020
O Concello de Xinzo volve a mostrar o seu compromiso cos sectores máis afectados polas consecuencias económicas da pandemia. O pleno aprobou esta mañá, co apoio de todos os grupos, a prórroga da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público por mesas e cadeiras, tribunas, elementos auxiliares, taboados e outros elementos análogos. Deste xeito, prorrogarase ano máis a exención do pago das terrazas a toda a hostalería, o que supón para o sector un aforro de máis de 75.000 euros dende o 2020.
Tamén saíu adiante, cos votos a favor do grupo de goberno e da concelleira non adscrita, Montse Lama, a proposta para solicitar a declaración de Xinzo como municipio turístico, tendo en conta a relevancia de reclamos como o Museo do Entroido, o Mosteiro de Trandeiras, nove igrexas románicas, a Torre de Pena e numerosas riquezas naturais. A alcaldesa, Elvira Lama, asegurou que o executivo local axilizaría todos os trámites que estivesen na súa man para conseguilo.
Por unanimidade aprobouse a ordenanza reguladora das pistas de pádel. Segundo este documento, quedará prohibido o uso da pista a menores de 14 anos, salvo que se encontren baixo a supervisión dunha persoa maior de idade; a aquelas persoas sancionadas conforme dita ordenanza e para dar clases por parte de particulares, salvo as organizadas con intervención do concello. Os horarios da pista serán todos os días de semana desde as 9.00 ata as 23.00 horas nos meses de xullo e agosto e desde as 9.00 ata as 22.00 horas o resto do ano. Establécese unha tarifa de 8 euros polo uso de hora e media de instalación.
Tamén co apoio de todos os grupos deuse luz verde á modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de sumidoiros e pola prestación do servizo de tratamento e depuración de augas residuais e a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola subministración de auga a domicilio. Aplicarase a subida segundo o IPC. Elvira Lama explicou que contactou coa empresa Viaqua para evitar a subida pero que lle aseguraron que era “materialmente imposible”. Con todo, a rexedora anunciou que mantería unha reunión coa concesionaria para tratar aspectos relativos ao contrato.
Tamén houbo acordo de todos os grupos para aprobar a solicitude de adhesión á Rede de Entidades Locais para desenvolver os Obxectivos de Desarrollo Sostible (ODS) da Axenda 2030.
Co voto en contra do Partido Popular aprobouse o expediente de modificación de créditos para facer fronte a gastos que non se poden demorar. Inclúense importes destinados a actos deportivos ou relativos á programación de Nadal. A alcaldesa, Elvira Lama, explicou que o goberno local está xestionando os recursos da mellor maneira posible e engadiu “Estamos cambiando Xinzo, é unha realidade. Hai moitas necesidades que atender e esta modificación de crédito permitirá cumprir obxectivos e pagar facturas de aquí a finais de ano”.
En canto as mocións, aprobáronse por unanimidade a relativa a solicitar medidas para a rebaixa do prezo da luz e a proposta para facilitar a cobertura do persoal médico na atención primaria. Sobre esta última pronunciouse tamén Lama: “Despois de formar aos profesionais hai que sacar as prazas para que non teñan que emigrar”.
Ao finalizar o debate outorgóuselle a Medalla do Concello de Xinzo de Limia ao inspector da Policía Local, Germán Bolaño, pola súa dedicación a prol da seguridade dos veciños. Foi un acto moi emotivo no que quixeron estar presentes familiares, amigos e compañeiros. A rexedora ofreceu un discurso no que agradeceu a súa entrega e recalcou: “Foi unha honra contar coa túa lealdade, co teu apoio e co teu consello”.