O Concello avanza no seu Plan de Seguridade Viaria con novos pasos de peóns e renovando as sinais horizontais
Mellorar a seguridade viaria dos veciños e veciñas é un tema prioritario para o Concello de Xinzo de Limia, que segue apostando por levar a cabo actuacións que eviten accidentes nas súas estradas e humanicen a vila. Esta mesma semana foron un total de 135 os mozos do IES Lagoa de Antela que participaron nunha xornada de concienciación sobre os riscos de conducir baixos efectos do alcohol es as drogas, organizada pola Xefatura Provincial de Tráfico a petición do executivo local.
Tamén nas últimas semanas, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o concelleiro de Tráfico, Ramón Gómez, presentaron o Plan de Seguridade Viaria, que inclúe unha campaña informativa que se está a intensificar nas redes sociais e no que se enmarca un novo proxecto para renovar a sinalización horizontal. O que se pretende é acadar unha vila máis inclusiva e segura, liberar os espazos públicos de vehículos e ofrecer alternativas de estacionamento, sancionando a aqueles infractores que non respecten as normas de circulación.
Co anuncio do Concello de Xinzo da renovación da sinalización horizontal dáse un paso máis en prol da seguridade viaria. Trátase, en concreto, da creación de novos paos de peóns e e repintado de case un cento, así como da sinalización das prazas de aparcamento para as persoas con mobilidade reducida e as liñas amarelas que restrinxen o estacionamento.
A actuación, que xa foi adxudicada, conta cun orzamento de 15.648 euros. As obras comezarán cando cesen as xeadas ocasionadas polas baixas temperaturas e as precipitacións que se agardan para os próximos días. Nos traballos empregarase pintura acrílica de secado rápido.
O concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Ramón Gómez, explicou os detalles desta actuación para renovar a sinalización horizontal do concello: “Son unhas obras moi demandadas polos veciños e levaranse a cabo coa maior brevidade posible. Tamén está previsto pintar novos pasos de peóns en zonas moi transitadas por escolares”.
Inmediacións do CEIP Rosalía de Castro
Os novos pasos de peóns crearanse nas inmediacións do CEIP Rosalía de Castro. Concretamente, haberá un novo emprazado na confluencia entre a rúa Celso Emilio Ferreiro coa San Sebastián e outro na confluencia entre a vía Álvaro Cunqueiro coa San Sebastián. Trátase dunha zona que percorren a diario moitos estudantes e na que o Concello de Xinzo de Limia quere extremar a seguridade.