Xinzo de Limia

Concello e Confederación elevan ata case un millón de euros a inversión en Trandeiras para consolidar o mosteiro e construír un centro de interpretación

pleno
pleno

O Concello de Xinzo de Limia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil actuarán para evitar os riscos de derrubes no Mosteiro de Trandeiras. Na sesión plenaria desta mañá aprobouse, coa abstención do PP, o expediente de ratificación da segunda addenda modificativa do convenio entre as dúas entidades para a financiación, execución e entrega das obras de análise e actuacións de consolidación das infraestruturas hidráulicas asociadas ao monumento.

Tal e como explicou a alcaldesa, Elvira Lama, a primeira inversión aprobada foi de 350.000 euros e agora engádense 565.000 euros para a consolidación da estrutura do edificio e para acondicionar o espazo de interpretación sobre o mosteiro por case un millón de euros. A rexedora sinalou que “con este incremento o Concello pasa a aportar o 10 % da intervención, que ten urxencia polo estado no que se atopan algunhas zonas”.

Na sesión plenaria tamén se aprobou, por unanimidade, a modificación do anexo de subvencións do Orzamento 2022 para subvencionar a actividade da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afaor).  Tamén co apoio de todos os grupos saíu adiante a ratificación do decreto en virtude do cal acordouse constituír unha agrupación entre o Concello de Xinzo de Limia e o de Sandiás para a xestión compartida do Obradoiro de Emprego Vía da Prata.

Unanimidade houbo igualmente na ratificación do decreto de aprobación do convenio de colaboración subscrito entre os concellos de Sandiás, Xinzo de Limia e Vilar de Barrio para agruparse co obxectivo de presentar a solicitude conxunta de subvención na Xunta pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais para a promoción da igualdade. Este é un tema que preocupa, e moito, ao executivo local. Proba disto é o Plan de Igualdade do Concello que arrancou recentemente cunha enquisa para definir as políticas públicas municipais dos próximos catro anos con perspectiva de xénero. Será, ademais, o primeiro que se faga con participación pública e cun gran diagnóstico da situación actual do municipio en materia de igualdade.

A loita do executivo local a favor da igualdade tamén quedou de manifesto na aprobación, coa abstención do PP, dunha moción urxente para a adhesión do Concello ao Programa de atención a vítimas de violencia machista con animais de compañía. O que se pretende é que estas mulleres que sofren malos tratos non se retrasen á hora de abandonar o domicilio no que sofren a violencia por medo a abandonar as súas mascotas, un feito que xa se deu no municipio.

Outro dos puntos salientables foi a aprobación, co acordo de todos os grupos, do expediente do proceso de estabilización de emprego no Concello. A Mesa de Negociación acordou a primeiros de maio a consolidación dun total de 66 prazas, outras 9 extinguirase e unha amortizarase. Tal e como explicou a alcaldesa, Elvira Lama, os traballadores acadarán ao fin a estabilidade laboral que ata agora non tiñan”.