Xinzo de Limia

O Concello da luz verde a inversións por 1,8 millóns de euros no primeiro pleno despois do Estado de Alarma

Aproba para 2020 un presuposto austero de 8 millóns de euros, condicionado por un obrigado plan de axuste que o Concello levaba anos incumprindo. As contas, estruturadas desde antes da pandemia, sufrirán modificacións para atender as persoas, pemes e autónomos máis afectados pola crise. A corporación respaldou por ampla maioría a demolición da presa de Gudín e a recuperación das infraestruturas hidráulicas do mosteiro de Trandeiras.

WhatsApp Image 2020-06-19 at 15.45.37
WhatsApp Image 2020-06-19 at 15.45.37

O Concello de Xinzo aprobou hoxe, no seu primeiro pleno despois do levantamento do Estado de Alarma, un investimento de 1.550.000 euros para a demolición da presa de Gudín e unha primeira intervención de restauración no mosteiro de Trandeiras, grazas a senllos convenios coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

A demolición da presa, coa que o goberno local espera devolver ao Limia parte do seu caudal natural, producirase dous anos despois de que a Confederación Hidrográfica a ordenase, no ano 2018, cando declarou extinguida a concesión, que data do ano 1992.

A concesión foi abandonada no ano 2013, dado que desde ese ano Xinzo conta con outros sistemas de abastecemento de auga potable. 

A demolición das obras construídas dentro do dominio público hidráulico do río Faramontaos, principal achega do Limia, terá un custo estimado de 1,2 millóns de euros e o goberno local xúlgaa clave para a recuperación do río Limia, polo menos desde o punto de vista do seu caudal, e un primeiro paso para unha intervención ampla nos seus paseos fluviais.

En canto á intervención no mosteiro de Trandeiras, terá un custo de 350.000 euros e consistirá na consolidación do seu sistema de abastecemento, formado por varias fontes, captacións, conducións e depósitos que agora atópanse moi deteriorados por anos de descoido e en grave perigo de desaparición definitiva a pesar do seu gran valor histórico e etnográfico. 

Esa será a primeira dunha serie de actuacións que o goberno local ten previsto realizar na contorna do cenobio para a súa posta en valor, dándolle un uso máis aló do relixioso que agora ten. 

Non foron os únicos investimentos saídos do pleno de hoxe, que tamén aprobou o orzamento para este ano. 

Xinzo levaba un ano sen orzamento debido á prórroga por parte do anterior goberno do aprobado en 2018. 

O de 2020 ascenderá a 8 millóns de euros, dos que case 300.000 dedicaranse a investimentos, o que eleva a 1.850.000 euros os aprobados na sesión plenaria de hoxe. O orzamento foi aprobado cos votos dos tres partidos que forman parte do Goberno (PSOE, AXIL, XA e BNG) e o da concelleira de Cidadáns, Montse Lama. O PP votou en contra.

En liñas xerais, son uns orzamentos austeros pola necesidade de adaptalos á realidade económica do Concello, suxeito a un plan de axuste que levaba anos incumprindo e que agora ten que abordar cunha redución do 5% do gasto, ordenada polo Ministerio de Facenda. 

De feito, nesta mesma sesión e debido precisamente á situación económica na que se atopa a entidade local, aprobouse tamén un plan económico-financeiro de redución do 5% do gasto neste exercicio (2020) e o seguinte (2021), un límite do que en ningún caso se poderá exceder, salvo que o Goberno de España acorde flexibilizar a Lei de Estabilidade Orzamentaria. 

Esta circunstancia tradúcese nas contas deste ano nunha diminución do gasto en 670.783 euros con respecto ao orzamento de 2018, pese a rexistrarse un incremento nos ingresos de máis de 123.000 euros. 

En calquera caso, e dado que as contas municipais xa estaban estruturadas desde antes do Estado de Alarma (de feito, ían ser aprobadas en abril), estarán suxeitas ás modificacións necesarias para atender a nova realidade xurdida da pandemia.

En particular, aprobaranse modificación orzamentarias para a atención ás persoas e colectivos máis vulnerables, así como para a habilitación de axudas a autónomos e pemes, que serán as dúas prioridades do goberno local para o que resta de ano. 

“Trataremos de dar cobertura ás súas necesidades e demandas mediante a modificación de varias ordenanzas fiscais para eximilos do pago de determinadas taxas ás que terían que facer fronte”, explicou a alcaldesa, Elvira Lama.