Concello e Fundación Secretariado Gitano únense na celebración que recoñece a esta comunidade formada en Xinzo por 170 persoas
O compromiso do Concello de Xinzo de Limia co pobo xitano porase de manifesto este venres con motivo do Día Internacional en recoñecemento desta comunidade. Neste municipio son un total de 170 persoas as que a forman e o executivo local leva meses traballando para mellorar a súa calidade de vida. A finais do pasado ano firmouse un acordo de colaboración coa Fundación Secretariado Gitano entre a alcaldesa, Elvira Lama, e a directora territorial da entidade, Eva Vera Ledo. Mediante este acordo, o executivo local cedeu un aula da Casa da Cultura para levar a cabo actividades formativas de cara a mellorar a calidade de vida das mulleres participantes deste colectivo e a favorecer a súa integración laboral.
O venres volverase a demostrar este compromiso. Con motivo do Día Internacional do Pobo Gitano, o 8 de marzo, a bandeira que identifica a esta comunidade ondeará na Casa Consistorial e procederase á lectura dun manifesto do Salón de Plenos. Os actos comezarán ás 12.00 horas.
O executivo local anima á cidadanía a participar, co fin de conmemorar esta data e loitar pola igualdade deste colectivo na sociedade. Esta é unha das mensaxes do manifesto que se lerá o venres, e onde tamén se fará ilusión á necesidade de acadar medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e o antixitanismo e avanzar nos dereitos do pobo xitano.
A alcaldesa, Elvira Lama, destaca a relevancia dos actos programados en Xinzo de Limia: “Contribuímos para non esquecer que hai minorías as que debemos dar visibilidade en aras de mellorar a convivencia, especialmente en momentos de crisis, nos que volven a estenderse discursos que alimentan o odio e que nos separan como sociedade”.
Unha conmemoración con historia
O Día Internacional do Pobo Xitano conmemórase o 8 de abril. Este día, declarado oficialmente en Serock (Polonia) en 1990 durante o cuarto Congreso Mundial Romaní, recorda e conmemora o Primeiro Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres entre o 7 e o 12 de abril de 1971.
Neste encontro instituíuse a bandeira e o himno xitano. A primeira é de cor azul e verde, simbolizando o ceo e o campo, cunha roda de carro vermella no centro, que simboliza o camiño dende a India e a liberdade. O himno, “Gelem, gelem”, foi composto por Jarko Jovanovic e recorda aos xitanos e xitanas vítimas do nazismo.