Xinzo de Limia

O Concello impulsa as Festas de Santa Mariña cunha vintena de espectáculos musicais en cinco escenarios diferentes

presentación
presentación

As festas de Santa Mariña volverán a ser as que se recordan en Xinzo de Limia. O Concello, en colaboración coa Comisión do Entroido que mantén a actividade durante todo o ano, elaborou unha programación cunha vintena de espectáculos musicais en ata cinco escenarios diferentes. O obxectivo é que os veciños e veciñas participen nos festexos, que se desenvolverán do 15 ao 18 de xullo e que tamén contribuirán a dinamizar a economía. Todos os detalles déronse a coñecer esta mañá pola alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez. A rexedora asegurou que “será unha programación como as de antes da pandemia, aínda que con todas as cautelas”.

A Praza Maior, a rúa Alexandre Bóveda, e as prazas de Oriente, Carlos Casares e Xoan III serán os puntos neurálxicos nos que se agardan as diferentes actuacións.

O edil de Cultura agradeceu a colaboración da Comisión do Entroido na elaboración do programa e animou ás asociacións culturais a participar na organización das diferentes iniciativas culturais do Concello, para aportar novas ideas. Tamén insistiu Rodríguez en que á hora de organizar as festas pensouse en todos os veciños e veciñas: “Haberá música de diferentes estilos dentro dun programa que consideramos que terá un gran atractivo”.