Xinzo de Limia

O Concello intensifica a desinfección da vila e os pobos coa axuda dos agricultores, con tractores e cisternas

O Concello de Xinzo intensificará a partir de mañá a desinfección das rúas e pobos do municipio, para o que contará coa axuda e apoio do agricultores locais.

Baixo a coordinación de Amador Penín, concelleiro de Medio Rural, porase en marcha un dispositivo de, en principio, 7 tractores e cisternas, que se repartirán entre a vila (1) e os pobos do resto de municipio. No dispositivo tamén participará a Policía Local e Protección Civil, que se repartirán para acompañar a cada un dos vehículos.

Para desinfectar as rúas, utilizarase principalmente lixivia, posto que segundo diferentes estudos o cornavirus desactívase ao entrar en contacto con solucións de hipoclorito sódico, que é cloro disolto en agua, o que todos coñecemos como lixivia. É o mesmo produto que emprega a UME na desinfección de moitas cidades do país.

Amador Penín, en nome de todo o goberno local, quere agradecer a dispoñibilidade dos agricultores para a realización dunha tarefa que neste momento é fundamental para a contención dos contaxios.

Para a realización destes traballos, procederase periodicamente ao valado das distintas rúas, colocando previamente avisos aos condutores nos parabrisas dos vehículos. Mañá está previsto que a desinfección se realice nas seguintes rúas:

-        Avenida de Ourense: numeración impar desde a Estación de Autobuses, lado no que está prohibido o estacionamento.

-        Avenida de Madrid: numeración par, desde a Praza Maior ata Rosalía de Castro.

-        Rosalía de Castro (numeración par ata bar Dos Hermanos) e ata a Estrada de Baltar (especialmente ó lado do velorio).

-        Rúa Ladeira: numeración par.

-        Rúa Padre Feijóo.

-        Rúa Deputación.

-        Rúa San Sebastián (lado do estacionamento prohibido).

-        Rúa Curros Enríquez (desde San Sebastián) ata Libraría Vidal.

-        Rúa Marcelo Macías (desde Avenida de Ourense ata cruce Formigueiro/Cruceiro), lado numeración impar.

-        Rúa Marcelo Matías (desde cruce Formigueiro/Cruceiro) ata final colexio Carlos Casares.

 

Ao mesmo tempo, outros 6 tractores comezarán tamén mañá, luns, as tarefas de desinfección en todo o rural, que rematarán o martes.

Unha vez rematado este plan de choque en todo o municipio, o operativo manterase para repetilo tantas veces como sexa necesario, sen descartar ampliar o número e tractores e cisternas.