Xinzo de Limia

O Concello porá en marcha unha app para reservar entrada nas piscinas exteriores e controlar o aforo

piscinas
piscinas

Dende o teléfono móbil e a través dun sinxelo procedemento poderase reservar entrada nas piscinas exteriores de Xinzo de Limia. O Concello de Limia porá en marcha unha app coa que pretende controlar o aforo e facilitar este trámite a veciños e visitantes. Deste xeito, poderán realizarse tamén os pagos dos pases e realizar reservas para distintas xornadas. A normativa polo covid-19 non fará necesario acoutar parcelas nas instalacións este verán, se ben o executivo local quere extremar as medidas de seguridade e a través desta aplicación poderá realizar un seguimento máis exhaustivo.

Unha vez que a app comece a prestar servizo e se comprobe a súa efectividade, o executivo local pretende que o seu uso se estenda a outras actividades para as que faga falla unha reserva previa. Así o explica o concelleiro de Servizos Públicos Estruturais, Rafa Penabad: “Trátase de que poida empregarse para todos as propostas do Concello para as que se necesite un control de aforo. Unha vez que o usuario se rexistre, farase automaticamente, xa que será fácil de empregar”.

O Concello de Xinzo ultima nestes días as obras de mellora das piscinas exteriores, co obxectivo de abrilas ao público a finais de xuño, coincidindo co inicio das vacacións escolares. Os traballos centráronse en mellorar a calidade da auga e traballouse na posta en marcha dun sistema de cloración automática e de control do PH que levaba anos sen empregarse. Cómpre destacar a adquisición dun robot de última xeración que se encargará da limpeza dos vasos para que o seu mantemento sexa máis sinxelo e eficaz.

Nesta liña de melloras que xa se comezou o ano pasado, levouse a cabo a substitución de filtros de area e chaves de paso en mal estado, ademais de realizarse melloras no sistema de aspiración. A impermeabilización é outro dos temas que preocupa e por iso traballouse no selado dos vasos para evitar que se produzan as perdas de auga. A imaxe das piscinas exteriores tamén mellorou coa substitución das lousas deterioradas