O Concello restaura os fornos do municipio para poñelos en funcionamento e dar a coñecer o seu valor etnográfico
O paso do tempo causou estragos nalgúns dos fornos de Xinzo de Limia, cun gran valor patrimonial e que o Concello, a través da concellería de Medio Rural que dirixe Amador Díaz, intenta salvagardar. Tanto é así que puxo en marcha un plan que xa está dando os seus froitos. A intención e poñer en condicións de ser utilizados todos os fornos do municipio, dándolle así unha nova segunda vida despois de anos de abandono, ademais de preservar o seu valor etnográfico.
Aínda así, o estado de deterioro non é o mesmo en todos os fornos, pois mentres que algúns so precisan pequenas intervencións, noutros casos é preciso actuar de xeito integral.
Un bo exemplo desta última situación é a actuación que se levou a cabo no forno de Faramontaos, que levaba trinta anos sen cuberta. Unha vez resolto este problema e rehabilitada a construción na que se atopa o forno, agora resta o acondicionamento interior e a consolidación do forno propiamente dito. Será entón cando este inmoble en ruínas fai apenas unhas semana se transforme nun lugar de encontro entre o propia veciñanza e coa tradición, aquela segundo a cal os veciños, por quendas, cocían durante a fin de semana o pan para toda a semana, segundo lembraba Amador Díaz durante a visita que realizou xunto a alcaldesa, Elvira Lama, a algúns dos fornos que están sendo recuperados: Pibre, Piñeira Seca, Fiestras, Guintimil ou o xa citado de Faramontaos.
Para Elvira Lama este tipo de actuación é fundamental, “pois son lugares con un alto valor etnográfico, pero tamén sentimental para os veciños e veciñas dos pobos, que levan moito tempo reclamando a súa recuperación”.
Precisamente que a riqueza patrimonial de Xinzo de Limia non caia no esquecemento é o obxectivo do Concello con este tipo de plans. As obras tratan de protexer o gran valor dos fornos, pois están a sufrir un deterioro acentuado pola falta de mantemento. Antes de comezar as obras realizouse a inspección destes elementos patrimoniais e detectouse que moitos presentaban humidades de cuberta e incluso pequenos afundimentos.
As actuacións contempladas son a limpeza de muros, a substitución de tellas en mal estado, recuperación de portas e fiestras e da pavimentación, entre outros arranxos, sempre co obxectivo de que podan ser usados de novo para o fin co que foron construídos.