O Concello sae en apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro da Limia e anima á veciñanza a solidarizarse asistindo á concentración de mañá
Cando aínda non se recuperaran da crise económica que trouxo a pandemia, os traballadores do sector agrogandeiro da Limia volven a encontrarse nunha situación límite. A guerra de Ucraína está afectando dun xeito especial ao agro e, consciente deste feito, o Concello de Xinzo de Limia apoia as súas reivindicacións e a concentración que se programou para mañá ao mediodía na Praza Carlos Casares. Está previsto que a partir das 12.00 horas se leve a cabo a lectura dun manifesto en defensa dos produtores da comarca.
A protesta está convocada pola Asociación de Pataqueiros da Limia, Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Adegal (Asociación de Empresarios Gandeiros e Agricultores da Limia) e Fruga. Os afectados mostrarán así a súa preocupación pola subida dos custes de produción, os custes enerxéticos, o gasóleo ou os fertilizantes. Se a situación non mellora, moitas explotacións pasarán por serias dificultades para seguir desenvolvendo a súa actividade. Tamén se prevé unha gran inquedanza de cara as novas colleitas que se achegan á sementeira.
O concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz Penín, fixo un chamamento á solidariedade dos veciños da Limia: “Pedimos aos cidadáns que apoien as demandas destes traballadores que están a pasar por momentos moi duros”.
A alcaldesa, Elvira Lama, cree que é o momento de amosar a importancia do sector para a economía local de Xinzo acompañando a agricultores e gandeiros nunha reivindicación “absolutamente xusta e xustificada”.
A Praza Carlos Casares de Xinzo de Limia será mañá un dos epicentros das protestas do sector agrogandeiro, un dos máis castigados polo aumento dos custos de produción que se agravou coa invasión de Rusia a Ucraína. Hoxe súmanse 26 días desta guerra e os traballadores piden solucións a súa situación.