O Concello e o sector primario aclaran que a seguridade técnica foi o único motivo dos cambios no Petardazo
-
O alcalde, Amador Díaz, e o tenente de alcalde, Antonio Fernández, reuníronse hoxe co representante da Asociación do Sector Primario de Galicia, Javier Losada.
-
As modificacións no Petardazo debéronse exclusivamente a requisitos legais de seguridade e non á mobilización contra o acordo co Mercosur.
-
A maquinaria agrícola retirarase a media tarde de hoxe, permanecendo un único tractor de xeito simbólico na praza.
Xinzo de Limia, 24 de xaneiro de 2026.- O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, e o tenente de alcalde, Antonio Fernández, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo con Javier Losada, representante da Asociación do Sector Primario de Galicia, co obxectivo de coordinar a situación tras os axustes na programación do Petardazo.
Na reunión quedou de manifesto que ningunha das partes tivo a intención de que se vise alterada a programación orixinal do evento. O sector agrario, que mantén as súas reivindicacións contra o acordo co Mercosur, aclarou que a súa vontade nunca foi interferir no desenvolvemento do Petardazo. Pola súa banda, o Concello recalcou que en ningún momento actuou en contra das demandas do sector, cuxas mobilizacións respecta.
As alteracións na programación responderon a motivos estritos de seguridade e ao cumprimento do Plan de Autoprotección. Trátase dun requisito técnico e legal que, ante a imposibilidade de despregar o dispositivo da AXEGA pola meteoroloxía (a alerta nas estradas impide o desprazamento do camión de Posto de Mando Avanzado), obrigaba á suspensión dos actos masivos independentemente de calquera outra circunstancia. Son, por tanto, cuestións independentes e en ningún caso existiu vontade de prexuízo mutuo.
Como froito deste diálogo e do compromiso coa vila, os agricultores e gandeiros teñen previsto retirar a maquinaria a media tarde de hoxe, deixando unicamente un tractor de xeito simbólico no centro da praza como testemuño da súa protesta polo acordo co Mercosur. Deste xeito, garántese a mobilidade e o cumprimento das medidas de seguridade para o resto de actividades do Entroido.