O Concello solicitará á Xunta que se prolonguen os traballos de escavación na Torre da Pena polo valor histórico dos elementos atopados
Recuperar a muralla exterior da Torre da Pena é o principal obxectivo das obras que se están a levar a cabo neste símbolo do patrimonio cultural de Xinzo de Limia. Coñecida popularmente como o Castelo da Porteliña, erguida no século XII e abandonada e destruída seis séculos despois, só se conserva a Torre, unida historicamente a outras da comarca coma o Castelo de Sandiás, o da Forxa e a desaparecida Torre de Celme. O seu valor monumental e arquitectónico é enorme, polo que o goberno local está moi pendente das actuacións de recuperación que se están executando.
A alcaldesa, Elvira Lama, acompañada do concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, e do de Urbanismo, Ramón Gómez, visitaron nos últimos días os traballos e comprobaron sobre o terreo os resultados das escavacións. Debido a importancia dos elementos atopados, a rexedora anunciou que solicitarán á Xunta de Galicia que continúe prolongue a actuación máis aló do tempo de execución establecido.
Así o explicou Díaz Penín: “Hai que continuar descubrindo esta xoia patrimonial e poñela en valor pola magnitude destes achados”. Máis en concreto, apareceron útiles como a punta dunha lanza que agora deberá ser analizada polos expertos. Tamén insistiu o edil no impulso turístico que recibirá o concello cando a Torre da Pena sexa obxecto dunha actuación máis ambiciosa.
Foi o pasado mes de novembro cando a Xunta de Galicia iniciou as obras de conservación e acondicionamento da Torre da Pena. Os traballos, que conta cun orzamento de máis de 200.000 euros, teñen un prazo de execución de nove meses e este tempo é considerado escaso polo executivo local debido aos novos elementos atopados.
A intervención consiste na limpeza da muralla exterior da Torre, situada nunha zona de forte pendente e moita vexetación, polo que a súa visualización por parte dos visitantes é complicada. A intención é deixar á vista unha parte importante que permita comprender o seu gran valor histórico. A actuación tamén ten como obxectivo acondicionar os circuítos para que os visitantes poidan camiñar ao redor da Torre e instalar sinais que expliquen as características xerais do conxunto e guíen aos paseantes.