Xinzo de Limia

O Concello tomará todas as medidas precisas segundo os positivos, as indicacións sanitarias e por consenso

Así o acordou a comisión municipal de seguimento do covid, convocada pola alcaldesa e na que están representados todos os grupos políticos da corporación. As redes sociais municipais trasladarán á cidadanía a información que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, se comprometeu hoxe a facilitar aos concellos.

WhatsApp Image 2020-03-17 at 13.30.08.-2
Unha das últimas reunións da comisión municipal que sigue a evolución do covid-19.

Despois do incremento da incidencia do covid-19 en Xinzo, a alcaldesa, Elvira Lama, convocou hoxe á comisión municipal de seguimento da pandemia, na que están representados todos os grupos políticos da Corporación.

En cuestión de días, Xinzo pasou de ser a única vila provincia sen brotes a ter rexistrados 3, todos de orixe interfamiliar, segundo os datos que Lama lle trasladou á comisión e que ela recibiu do Sergas.

Neste aspecto, quedou tamén constancia na comisión da queixa por parte do goberno local da falta de dilixencia do Sergas á hora de facilitar aos concellos os datos de positivos. A información que manexou e fixo pública ata o de agora o Concello, a través das súas redes socias, foi puntualmente solicitada por parte da propia alcaldesa aos responsables sanitarios da provincia, pero sen que houbera unha comunicación sistematizada por parte deles cara a este concello nin a ningún outro de Galicia.

Segundo anunciou hoxe o presidente da Xunta, este asunto quedará resolto de xeito inmediato, polo que a partir de agora, a mesma información que a Xunta lle facilite ao Concello será a que o goberno local lle traslade a continuación e de forma puntual á cidadanía.

Aínda que a incidencia de positivos en Xinzo é menor que no resto da provincia, tendo en conta á cidade e as vilas, a alcaldesa considerou preciso dirixirse o pasado domingo a todos os seus veciños para alertalos da situación e pedirlles que extremaran as precaucións ante a posibilidade de que durante os próximos días a situación se complicase. 

Esta mesma mensaxe foi tamén a que lle trasladou hoxe persoalmente ao resto de grupos municipais, acordando que as medidas que se tomen a partir de agora en Xinzo serán acordadas cos grupos políticos e axustadas a evolución da pandemia, atendendo sempre as indicacións das autoridades sanitarias.

A alcaldesa tamén deu conta á comisión de que as tarefas de desinfección dos lugares críticos seguen a realizarse con regularidade, abarcando desde os accesos a colexios e institutos, parques, prazas, residencia de maiores, xulgado, praza de abastos e rúas máis transitadas, sempre a primeira hora da mañá. 

En paralelo, tanto a Policía Local como a Garda Civil están comprobando o cumprimento de aforos por parte dos locais de hostalería, así como o uso de mascarilla por parte da cidadanía.