Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo activa un plan para recuperar a arquitectura tradicional e comeza a restaurar unha ducia de fornos e fontes

forno
forno

Que a riqueza patrimonial de Xinzo de Limia non caia no esquecemento. Este é o obxectivo do Concello, que a través da concellería de Medio Rural promove a recuperación de preto dunha decena de elementos da arquitectura tradicional. A intención non é outra que salvagardar o seu valor, pois están a sufrir un deterioro acentuado pola falta de mantemento. Así se explica na memoria da actuación, e onde se concreta que se levarán a cabo intervencións en fornos e fontes dos núcleos de Piñeira Seca, Ganade, Lamas, Trandeiras, Fiestras, Pidre, Guntimil e Faramontaos.

Unha vez que se realizou unha inspección destes elementos patrimoniais detectouse que moitos dos fornos presentan humidades de cuberta e incluso pequenos afundimentos. Outros precisan de limpeza de paredes e do fogar. A falta de mantemento tamén é evidente nas fontes, incluso o desprazamento dalgún elemento pétreo. Tamén as bocas e os desaugues están tupidas.

En total, serán seis fornos e tres fontes a tratar. Os primeiros emprázanse en Piñeira Seca, Faramontaos, Fiestras, Guntimil, Pidre e Lamas. As fontes que se inclúen nesta memoria sitúanse en Trandeiras, Piñeira Seca e Ganade. O orzamento ascende a 48.301 euros e o prazo de execución será de 60 días.

Nos fornos, as actuacións contempladas son a limpeza de muros, a substitución de tellas en mal estado, recuperación de portas e fiestras e da pavimentación. Nas fontes tamén se levará a cabo a limpeza de muros, a recolocación de pedras mal dispostas, a estanquidade do vaso e a recuperación de billas e dasugadoiros.

Cómpre destacar que se trata de diferentes intervencións en elementos construídos existentes en parcelas municipais coa cualificación de Solo de Núcleo Rural Colmatado ou en vías públicas. A normativa vixente e de aplicación é o Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Xinzo de Limia.

O concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, explica que a idea para levar a cabo estas actuacións xorde polo estado de abandono no que se encontraban estes elementos:  “No caso do forno de Faramontaos levaba trinta anos sen cuberta. A nosa intención é arranxar as deficiencias e tamén ofrecer á xente máis lugares nos que reunirse, máis aló dos centros sociais”.

A alcaldesa, Elvira Lama, quixo poñer en valor este plan para recuperar a arquitectura tradicional e que fará que os veciños poidan coñecer máis de preto elementos patrimoniais que caeran no abandono.